O Vicedo acollerá do 4 ao 6 de outubro un curso de ornitoloxía
O Vicedo acollerá do 4 ao 6 de outubro un curso gratuíto de turismo, educación e ocio vinculados á ornitoloxía, que se desenvolverá nos concellos de Mañón e no vicedense, indo tamén ao cabo de Estaca de Bares. Está dirixido a persoas de entre 18 e 30 anos e as prazas son limitadas polo que convén anotarse canto antes, chamando o 982.59.01.95.
O curso estará impartido por Antonio Martínez Pernas, técnico en xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos, Álvaro Barros López, doutor en Bioloxía e ornitólogo experto en aves mariñas e Sergio París Gómez, ornitólogo educador ambiental do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental, Ceida e Antonio Sandoval Rey, escritor e comunicador ambiental e ornitólogo experto tamén en especies mariñas.
O venres 4, de 9 a 14 horas, haberá no Concello do Vicedo unhas charlas sobre as paisaxes do norte de Galicia e a súa fauna e un paseo guiado pola costa vicedense. De 16 a 21 retomarase o curso cunha observación de aves desde o cabo de Estaca de Bares.
O sábado 5 de setembro no mesmo horario, será o Concello de Mañón o que albergue as charlas sobre as migracións das aves e a súa conservación e un paseo ornitolóxico desde a Garita de Bares ata o consistorio. Tamén pola tarde volverán os participantes a Estacada de Bares para outra observación.
E xa o domingo 6, o Concello do Vicedo acollerá un obradoiro de introdución ao turismo ornitolóxico e de 16 a 21 outra observación de aves desde o cabo de Bares.
A Consellería de Política Social e o Ceida colaboran cos concellos na organización deste curso.