O videofinish estréase nas Xornadas de Atletismo de Lugo para homologar marcas oficiais

LugoXa
A Vicepresidencia inviste 26.000 euros nun equipo de cronometraxe estreado nas Xornadas de Atletismo celebradas no Gregorio Pérez Rivera
novo-equipo-de-video-finish-atletismo-Lugo
28 Feb 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo incorporou un novo sistema de videofinish, unha ferramenta de cronometraxe imprescindible para validar rexistros e resultados en competicións oficiais, e permitirá reforzar os medios técnicos dispoñibles para a organización de probas deportivas en Lugo.

O vicepresidente provincial, Efrén Castro, e o tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, achegáronse ás pistas do Gregorio Pérez Rivera para coñecer de primeira man o funcionamento do dispositivo durante a terceira das Xornadas de Atletismo Deputación de Lugo. Estas instalacións tamén recibiron financiamento provincial a través da área de Deportes.

A adquisición do sistema supuxo un investimento de 26.000 euros e quedará a disposición do atletismo lucense para aquelas competicións que esixan un equipamento homologado e recoñecido oficialmente para a determinación de marcas e clasificacións.

Efrén Castro destacou que o atletismo está a vivir un notable crecemento na provincia grazas ao labor desenvolvido polos clubs e polo persoal técnico. Segundo sinalou, responder a esta demanda require dotar ás entidades de recursos axeitados como este sistema de videofinish, que amplía o equipamento de cronometraxe da Federación en Lugo.

A terceira xornada de atletismo, precedida polas citas celebradas o 30 de xaneiro e o 21 de febreiro, congregou no Gregorio Pérez Rivera máis de 350 nenas e nenos de entre 8 e 12 anos procedentes de distintos concellos da provincia. Ao longo da tarde participaron en probas de lanzamento e velocidade.

Estas xornadas están financiadas pola Deputación de Lugo mediante unha achega de 11.000 euros e constitúen encontros especialmente valorados nas categorías de base, xa que permiten ás novas promesas adquirir experiencia competitiva e facilitan a obtención de marcas mínimas para participar en campionatos galegos e estatais.

0.13310384750366