O viveiro de empresas da Tinería renóvase con artesanía, moda e outros servizos

LugoXa
Un taller de artesanía, outro de deseño e confección de traxes de noiva, un laboratorio de análise de augas, un estudo de uñas, unha tenda de produtos personalizados e un establecemento especializado en bicicletas ocuparán os seis locais comerciais de titularidade pública que o goberno de Lara Méndez puxo a disposición doutros tantos beneficiarios/as en réxime de alugueiro, cunhas condicións moi vantaxosas, no viveiro municipal da Tinería.
renovacion vivero empresas tineria
renovacion vivero empresas tineria
20 Nov 2023

Un taller de artesanía, outro de deseño e confección de traxes de noiva, un laboratorio de análise de augas, un estudo de uñas, unha tenda de produtos personalizados e un establecemento especializado en bicicletas ocuparán os seis locais comerciais de titularidade pública que o goberno de Lara Méndez puxo a disposición doutros tantos beneficiarios/as en réxime de alugueiro, cunhas condicións moi vantaxosas, no viveiro municipal da Tinería. Trátase da segunda edición desta iniciativa, posta en marcha pola alcaldesa por primeira vez no ano 2018, como mostra do seu compromiso coa rexeneración desta zona do Centro Histórico.

A rexedora, acompañada do edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, mantivo un encontro este luns cos emprendedores e emprendedoras que abrirán os seus negocios neste viveiro de empresas a pé de rúa. “O obxectivo é contribuír a dinamizar social e economicamente o barrio da Tinería, do mesmo xeito que tamén pulamos pola rexeneración urbanística do Centro Histórico coas obras de peonalización e humanización, para que xuntas estas intervencións teñan un carácter transformador na contorna”, explicou Méndez.

A alcaldesa destacou o “interese xerado entre o tecido produtivo da cidade, pois foron unha quincena de proxectos os que participaron no proceso de concorrencia competitiva que abrimos dende a área de Dinamización Económica para optar a xestión dos seis establecementos ofertados”. Para a selección dos mesmos valoráronse, entre outros aspectos, a adecuación da actividade proposta ás características do local ou a súa contribución á dinamización comercial e á xeración de afluencia de público na zona da Tinería.

Unha vez publicada a resolución definitiva de beneficiarios/as, estes disporán dun prazo máximo de dous meses para acondicionar o espazo de acordo coas características do establecemento comercial que se pretenda abrir, tendo en conta a normativa urbanística que opera na zona de actuación, tanto para a actividade comercial e/ou de negocio a desenvolver, como para o acondicionamento interior e exterior, e abrir as portas dos seus negocios, debendo manter o seu obxecto e finalidade ata a conclusión do contrato, que será de seis anos.

Mauricio Repetto subliñou que “como novidade introducimos a obrigatoriedade de contar cun horario comercial de apertura, que deberá respectarse durante todo o período contractual”.

O edil lembrou que “esta é a segunda convocatoria que poñemos en marcha, logo de que os inmobles estiveran ocupados durante os últimos cinco anos, contribuíndo á xeración de novos postos de traballo e ao despegue de proxectos empresariais de diversa índole, algún dos cales volveu a mostrar o seu interese en continuar na zona”, lembrou.

Para a cesión destes locais, en condicións moi vantaxosas, o Concello de Lugo, a través da área de Dinamización Económica, asinou un acordo co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) que contempla o arrendamento de sete locais de titularidade autonómica, un dos cales, situado na rúa Tinería 36, será empregado polo propio Concello para realizar actividades de dinamización, mentres que os outros seis locais poranse a disposición dos/as emprendedores/as da cidade.

O Concello reducirá os alugueiros nun 70% sobre o prezo estipulado polo IGVS, de xeito que a cota a satisfacer polos arrendatarios destes locais será o 30% do importe total que o Concello pagará a Xunta de Galicia. Ademais a administración local, asumirá o importe do IBI de todos os locais, e este custo non se repercutirá aos arrendatarios. Deste xeito, as rendas oscilarán entre os 18,59 euros mensuais do alugueiro máis baixo e os 133,82 euros do máis caro.

0.20208978652954