O voceiro do PSOE de Rábade acusa á alcaldesa de incumprir o calendario de plenos e dificultar a asistencia da oposición

O voceiro do PSdeG en Rábade, Alejandro Martínez, denuncia que a alcaldesa do PP modifica de maneira reiterada as datas dos plenos e convoca as sesións en horario de mañá sen facilitar a asistencia das e dos concelleiros da oposición. Martínez presentou un escrito no rexistro municipal para solicitar que se modifique a convocatoria do pleno do vindeiro mércores, 30 de setembro, ás 12.00 horas, ao non poder asistir por motivos laborais, e propón celebrar a sesión na tarde dese mesmo día.
As e os socialistas lembran que este pleno debía terse celebrado o pasado 10 de setembro, de acordo co calendario aprobado pola Corporación a proposta do propio equipo de goberno. A convocatoria para o día 30 supón un atraso de vinte días respecto da data prevista.
O PSdeG critica que este cambio non é un feito illado, senón unha práctica que se repetiu en numerosas ocasións no Concello de Rábade. Denuncia que a falta de previsión do Goberno municipal obriga os membros da oposición a reorganizar as súas obrigas laborais con moi pouca marxe, sen que a alcaldesa facilite alternativas para garantir a súa participación.
No escrito presentado, Martínez denuncia ademais que a rexedora incumpriu o compromiso adquirido no pleno do pasado 18 de marzo de avisar á Corporación dos cambios de data. O voceiro explica que a sesión coincide coa súa quenda de mañá e que alterar a súa organización laboral tamén ocasiona trastornos á empresa e aos seus compañeiros. Trasladar o pleno á tarde permitiría evitar estes prexuízos e compatibilizar o traballo co exercicio das súas responsabilidades municipais.
O PSdeG subliña a importancia dos asuntos incluídos na orde do día, entre os que figuran a conta xeral de 2025, as medidas derivadas do incumprimento das previsións de estabilidade orzamentaria do Plan Económico Financeiro, un expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos e modificacións das ordenanzas fiscais que regulan as taxas da subministración de auga e do saneamento.
Martínez considera que a relevancia destas decisións esixe facilitar a presenza de todos os grupos municipais. “A alcaldesa cambia o calendario acordado ao seu antollo e traslada á oposición as consecuencias da súa falta de organización, en lugar de procurar un horario compatible coas obrigas laborais dos seus integrantes”, critica.
O Grupo Municipal Socialista reclama á rexedora que atenda a petición rexistrada, respecte o calendario de plenos e cumpra o compromiso de avisar con antelación dos cambios. “Esta situación volve poner de manifesto a inoperancia da alcaldesa do PP e do seu equipo, que teñen abandonada a xestión municipal. Cada día que pasa, este concello ten máis carencias, problemas e dificultades para os veciños e as veciñas. O PP demostra que máis que para a xestión municipal e a defensa dos servizos públicos, está para atender cuestións de carácter privado ou persoal”, conclúe Martínez.