O xadrez sae á rúa coa celebración dunha nova xornada na Praza da Milagrosa

O Concello de Lugo celebra este mércores, 15 de xullo, unha nova sesión das Xornadas de Xadrez na rúa, unha iniciativa coa que pretende achegar este deporte á cidadanía a través de actividades gratuítas ao aire libre, ao tempo que favorece a convivencia, a conciliación familiar e a dinamización dos espazos públicos durante a época estival.
A actividade desenvolveuse na Praza da Milagrosa, entre as 12.00 e as 14.00 horas, onde se instalaron varios taboleiros para que os participantes puidesen disputar partidas simultáneas fronte ao Gran Mestre Ilmars Starostits, unha proposta que reuniu a afeccionados de distintas idades.
Esta campaña de promoción deportiva desenvolverase en paralelo ao I Open Internacional Fuxan os Ventos, reforzando a aposta da cidade por converterse nun referente para os afeccionados e profesionais do xadrez.
As Xornadas de Xadrez na rúa concluirán o vindeiro venres 17 de xullo cunha última sesión que terá lugar na Praza do Castiñeiro, tamén en horario de 12.00 a 14.00 horas.
A participación nas actividades é totalmente gratuíta, aínda que require inscrición previa para facilitar a organización. En cada unha das exhibicións poderán participar un máximo de 24 xogadores.