O xadrez sae á rúa en Lugo con partidas simultáneas no marco do proxecto "Xadrez no Camiño"

A Escola Luguesa de Xadrez levará este sábado, 26 de setembro, as partidas simultáneas ás rúas de Lugo cunha actividade aberta a toda a cidadanía. A proposta forma parte do proxecto "Xadrez no Camiño – O Teu Xacobeo", financiado pola Xunta de Galicia e Xacobeo 21-22, coa colaboración da Deputación de Lugo, o Concello de Lugo e a propia Escola Luguesa de Xadrez.
A iniciativa busca achegar este deporte á cidadanía e dinamizar diferentes espazos públicos e culturais da cidade a través do xadrez. A participación será gratuíta, con capacidade limitada a un máximo de 15 taboleiros simultáneos por quenda, ata completar o aforamento.
As partidas estarán dirixidas por dous destacados xogadores: o Gran Mestre Vladimir Petkov e o Mestre FIDE Pablo López Varela. Ambos serán os encargados de disputar as simultáneas ao longo da xornada.
A programación concentrarase este sábado en dous espazos da cidade. A primeira sesión terá lugar ás 11:00 horas no Paseo da Mosqueira e estará a cargo do Mestre FIDE Pablo López Varela. Pola tarde, ás 17:00 horas, o Miradoiro do Parque de Rosalía de Castro acollerá unha segunda simultánea, nesta ocasión coa participación do Gran Mestre Vladimir Petkov.
Con esta proposta, a Escola Luguesa de Xadrez pretende sacar as partidas dos espazos habituais de práctica e achegalas a lugares públicos da cidade, favorecendo a participación tanto de persoas afeccionadas como daquelas que queiran achegarse por primeira vez a esta disciplina.