O XI Campus Álex Llorca reúne en Lugo a 111 mozos e mozas de distintas comunidades ata o domingo

LugoXa
A Xunta e o Concello colaboran cunha iniciativa que combina tecnificación deportiva, formación e actividades de lecer
recibimento-Campus-Álex-Llorca-26
9 Jul 2026

Lugo acolle durante esta semana a undécima edición do Campus de Baloncesto Álex Llorca, unha cita xa consolidada no calendario deportivo estival que reúne a 111 rapaces e rapazas de entre 8 e 18 anos procedentes de diferentes puntos de Galicia e tamén de comunidades como Castela e León, Cantabria, Madrid, Canarias ou Cataluña.

A programación prolongarase ata o vindeiro domingo e combina sesións de tecnificación deportiva con competicións, actividades de lecer, formación e convivencia, co obxectivo de favorecer tanto a mellora deportiva como o desenvolvemento persoal dos participantes.

A Delegación Territorial da Xunta acolleu unha recepción institucional aos asistentes na que participaron o delegado territorial, Alfonso Villares; o exxogador profesional e impulsor do campus, Álex Llorca; e Rubén Engroba, en representación da organización.

Durante o acto, Villares destacou a importancia de iniciativas deste tipo para fomentar o deporte base e transmitir entre a mocidade valores como o esforzo, a superación e o traballo en equipo. Ademais, felicitou aos organizadores por consolidar un campus que cualificou como un referente da formación en baloncesto.

A Xunta colabora un ano máis coa iniciativa facilitando o aloxamento dos participantes que asisten en réxime interno, contribuíndo así ao desenvolvemento dun evento que cada verán reúne en Lugo a mozos e mozas de diferentes procedencias.

Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu aos participantes na Casa do Concello e agradeceu á organización que continúe escollendo a cidade para celebrar un campus que combina deporte, convivencia e coñecemento do patrimonio lucense.

A rexedora puxo en valor o labor desenvolvido por Álex Llorca a través deste proxecto, destacando que contribúe a inculcar nos máis novos valores como a constancia, o compañeirismo, o esforzo e a superación persoal.

"Cada vez que Lugo acolle un evento deportivo tamén está abrindo as súas portas a centos de persoas que coñecen a nosa cidade, o noso patrimonio e a nosa forma de acoller. Pero tamén é unha oportunidade para que os máis novos aprendan que detrás de cada éxito hai traballo, esforzo e dedicación", sinalou Candia.

O Concello colabora tamén nesta edición mediante a cesión das piscinas municipais exteriores de Frigsa, onde os participantes completan as xornadas de adestramento con actividades recreativas.

Ata o 12 de xullo, os asistentes participarán en adestramentos técnicos e tácticos, charlas formativas, competicións e xincanas pola cidade, acompañados por un equipo integrado por unha vintena de profesionais entre adestradores, preparadores físicos e persoal de apoio.

Desde a súa creación, o Campus Álex Llorca superou xa os 1.300 participantes, consolidándose como unha das propostas deportivas de referencia do verán en Galicia.

0.12657785415649