O XXXVII Tríatlon do Miño reunirá en Lugo a preto de 250 deportistas na loita polos títulos galegos

A contorna da Área Recreativa de Los Robles acollerá este domingo 9 de agosto a XXXVII edición do Tríatlon do Miño, unha das citas máis destacadas do calendario autonómico da especialidade. A proba, organizada polo Cidade de Lugo Fluvial e a Federación Galega de Tríatlon, conta coa colaboración do Concello de Lugo e reunirá a preto de 250 deportistas.
A competición terá unha especial relevancia este ano ao servir para decidir os títulos do Campionato Galego de Tríatlon 2026 nas categorías masculina e feminina. Ademais, será a última proba da Liga Galega de Tríatlon e puntuará para o Campionato Astur-Galaico 2026, que concluirá no mes de outubro coa celebración da última cita en Cadavedo.
Entre os participantes figuran destacados triatletas galegos con experiencia en competicións nacionais e internacionais, así como integrantes da selección mexicana de tríatlon, que un ano máis escolleu Lugo como lugar de preparación e adestramento.
O percorrido desenvolverase nun escenario que combina deporte e natureza. Os deportistas iniciarán a competición cun segmento de natación nas augas do río Miño. Posteriormente afrontarán o tramo ciclista pola estrada de Ombreiro e rematarán coa carreira a pé polo Paseo Fluvial do Miño.
A xornada incluirá unha proba de promoción sobre distancia Súper Sprint e os campionatos galegos sobre distancia Sprint. Na modalidade Súper Sprint, os participantes completarán 300 metros de natación, 10 quilómetros de ciclismo e 2,5 quilómetros de carreira a pé. Pola súa banda, a distancia Sprint constará de 750 metros de natación, 19,5 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé.
O programa arrancará ás 10.00 horas coa saída da proba de promoción Súper Sprint. Ás 11.00 horas disputarase o Campionato Galego masculino e ás 12.30 horas será a quenda da competición feminina. A entrega de premios está prevista para as 14.00 horas.