Ofertadas novas prazas no minicampamento de verán A Conquista de Foz
A Consellería de Política Social xunto coa de Cultura e Turismo oferta novas prazas no minicampamento de verán A Conquista de Foz, que propón actividades de multiaventura e de coñecemento do patrimonio cultural e natural para nenos e nenas de entre 10 e 14 anos de idade.
De feito, aínda hai prazas dispoñibles en todas as quedas programadas: do 27 ao 31 de xullo, e tamén nas previstas no mes de agosto, que inclúen unha nova quenda entre os días 3 ao 7 que se suma á que xa estaba programada, do 24 ao 28 de agosto.
Baixo o título a “Conquista de Foz” este minicampamento programa actividades de sendeirismo, rutas en bicicleta, orientación, actividades na praia, xogos deportivos, obradoiros creativos e unha ruta polo Castro de Fazouro.
A iniciativa forma parte do programa ‘Coñece Galicia’ que é unha das principais novidades da Campaña de Verán deste 2020 e que completa a programación de campamentos tras a necesaria adaptación das actividades ao novo escenario provocado pola covid-19.
Estes minicampamentos desenvolveranse en aloxamentos turísticos distribuídos por toda a xeografía galega en estancias de cinco días, de luns a venres. En concreto, o previsto en Foz, inclúe aloxamento no Hotel Leytón.
Para participar tan só é preciso reservar a praza a través do formulario electrónico de inscrición, que estará dispoñible na páxina web xuventude.xunta.es. A adxudicación das prazas efectuarase por rigoroso orde de inscrición ata cubrir a totalidade das ofertadas.
Todos os programas teñen un custe total de 125 euros por participante, con descontos do 50% para os membros de familias numerosas e monoparentais, e do 25% para usuarios do Carné Xove. As persoas participantes deberán cumprir as medidas persoais de hixiene e prevención obrigatorias fronte á covid-19.
A totalidade dos minicampamentos que se inclúen nesta proposta pódense consultar na páxina web de Xuventude.