Olalla Rodil puxo en valor “o gran traballo e a calidez humana” das traballadoras de Raiolas Lugo

A parlamentaria do BNG Olalla Rodil realizou unha visita ás instalacións de Raiolas en Lugo acompañada por Iria Carreira, concelleira do BNG en Lugo.
Acompañadas pola presidenta da Asociación, Inés Flores, así como por traballadoras de dita asociación, Olalla Rodil puxo en valor “o gran traballo e a calidez humana” que esta asociación fai cos usuarios e coas familias de persoas afectadas polo Trastorno do Espectro Autista e/ou Trastorno da comunicación social.
Ademais, destacou o traballo que realizan as profesionais deste entidade e as súas familias para mellorar a calidade de vida e a rede de servizos para as persoas con TEA ou TCS e as súas familias, procurando a súa plena integración familiar e social.
O BNG levará ao Parlamento Galego algunhas das súas demandas e buscará unha solución á falta de espazo que neste momento teñen na asociación: “Buscar unha fórmula para que dende a Xunta se axude á dotación de novos espazos para poder atender máis e mellor ás familias e usuarios con TEA ou TCS é o obxectivo", manifesta Rodil.
O BNG solicitará tamén no Parlamento Galego que se axilicen e melloren os diagnósticos como o recoñecemento do grao de discapacidade “para garantir que as persoas con autismo ou trastorno da comunicación social conte cos apoios e recursos que precisan na súa vida diaria”. conclúe Olalla Rodil.