Olalla Rodil reivindica medidas de memoria democrática para frear o retroceso antidemocrático

LugoXa
A cabeza de lista do BNG por Lugo participou nun acto de lembranza ao Comandante Moreno, executado polo fascismo en 1937, no cemiterio da Fonsagrada
LUGO bng cementerio
21 Nov 2026

A cabeza de lista do BNG por Lugo, Olalla Rodil, participou este sábado nun acto de lembranza ao Comandante Moreno, unha figura do sindicalismo de comezos do século XX que foi executada polo fascismo no ano 1937. O homenaxe, celebrado no cemiterio da Fonsagrada, serviu para reivindicar a memoria democrática e as propostas da formación nacionalista nesta materia.

Rodil afirmou que, ante o 'retroceso antidemocrático' que se está a vivir tanto na Galiza como a nivel global, co avance de forzas fascistas, 'a memoria democrática tórnase máis importante ca nunca', tamén á hora de decidir o voto.

A candidata asegurou que o BNG conta con 'propostas importantes' neste ámbito e defendeu a necesidade de modificar a lexislación estatal para rematar coa impunidade do franquismo e garantir a tutela xudicial efectiva das vítimas e das súas familias.

Entre as medidas que impulsará a formación nacionalista, Rodil mencionou a retirada efectiva da simboloxía franquista, a prohibición de actos públicos de exaltación do franquismo e avances en materia educativa, especialmente na formación do profesorado sobre memoria democrática.

'Ante os discursos reaccionarios da dereita e a insuficiencia das políticas desenvolvidas polo Goberno, é necesaria unha presenza forte do BNG para avanzar en materia de memoria democrática e conseguir enterrar o franquismo dunha vez', sinalou.

Rodil engadiu que, para o BNG, a memoria democrática constitúe 'unha cuestión de ética fundamental necesaria para construír unha sociedade mellor'.

0.1488299369812