Olimpia López agradece en Lugo o labor dos profesionais dos centros penitenciarios

LugoXa | TerraChaXa
“Os traballadores son o piar fundamental do sistema penitenciario e a garantía da esperanza para os internos e o seu futuro sen privación de liberdade”, subliñou López
celebracion-funcionarios-de-prisiones
24 Sep 2026

A subdelegada en Lugo, Olimpia López, presidiu hoxe o acto con motivo da festividade da Merced, patroa das Institucións Penitenciarias, onde expresou o agradecemento da sociedade lucense ao servizo público dos profesionais dos centros de Bonxe e Monterroso. Na súa intervención, López subliñou que “os traballadores son o sustento e piar fundamental do sistema penitenciario e a garantía da esperanza para os internos e o seu futuro sen privación de liberdade”.

A subdelegada fixo referencia aos programas de formación laboral e educativa, actividades culturais e deportivas, terapias e proxectos de voluntariado que se desenvolven en Bonxe e Monterroso, “claves para a reinserción social dos internos, que é o obxectivo prioritario do servizo”.

Olimpia López puxo como exemplo iniciativas de Bonxe, con 380 internos e mais de 250 profesionais, como os módulos de respecto, a atención especializada a persoas con doenzas mentais ou a terapia asistida con animais. En Monterroso, con 240 traballadores e 460 persoas internas, destacou as actividades culturais e deportivas, así como os programas dirixidos a agresores sexuais e a adquisición de habilidades sociais.

O compromiso do Goberno de España, engadiu a subdelegada, “é dotar aos centros penitenciarios das instalacións adecuadas para que o súa labor se desenvolva nas mellores condicións posibles”. De feito, en Bonxe está a levarse a cabo a mellora de dúas oficinas e, en 2027, espérase o inicio da reforma das celas e a construción de dous patios. Pola súa banda, en Monterroso, prevese para os próximos meses a remodelación das fiestras, a renovación das cubertas e cambios e melloras nos sistemas de seguridade.

A subdelegada tamén puxo en valor o traballo do Servizo de Xestión de Penas e Medidas Alternativas, “un labor, en ocasións menos visible, pero tamén necesaria para o correcto funcionamento do sistema”.

Durante a celebración fíxose entrega das condecoracións ao mérito penitenciario e social concedidas pola Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias. Entre elas, Olimpia López entregou a Medalla de Prata ao Mérito Social a Nuria Fernández Pérez, fiscal de vixilancia penitenciaria.

O acto contou coa participación dos directores dos centros de Bonxe e Monterroso, José Manuel Pernás e Félix Rodríguez; o alcalde de Monterroso, Eloy Pérez; o deputado provincial, Pablo Rivera; e o director territorial de Presidencia, Javier Nodal, xunto a outras autoridades civís e xudiciais.

No acto fíxose entrega da Medalla de Prata ao Mérito Social a Nuria Fernández Pérez, fiscal de vixilancia penitenciaria; José Río Ramilo, capelán do C.P. Bonxe; e Luis Miguel Romera, comisario xefe provincial de Lugo.

No apartado de Mérito Penitenciario, recibiu a Medalla de Prata Julio Fernández Carballido, xefe de servizos do C.P. Monterroso, a título póstumo; Pedro Rivera Castro, xefe de servizos do C.P. Bonxe; e Ana Iglesias Rodríguez, xurista do C.P. Bonxe. Jesús Francisco Busto Fernández, xefe de servizos do C.P. Bonxe, recibiu a Medalla de Bronce.

Tamén se recoñeceu a sete funcionarios cunha mención polos seus 25 anos de servizo e unha Mención Honorífica por actuación relevante no desempeño das tarefas asignadas a outros vinte.

“É de xustiza visibilizar con estas medallas e mencións o voso traballo e agradecervos a entrega e a vocación de servizo público que vos trouxeron ata aquí. Sodes a proba de que o esforzo conxunto garante unha sociedade máis xusta”, finalizou a subdelegada.

0.1680281162262