Olimpia López comprométese na erradicación da trata co fin de explotación sexual

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, reafirmou o compromiso do Goberno de España na erradicación da trata co fin de explotación sexual no Día Internacional contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Mulleres e Nenas, acompañada pola xefa da Unidade de Violencia contra a Muller, Rosa María Rivas.
López subliñou que a explotación sexual “constitúe unha das formas máis extremas de violencia machista, que utiliza ás mulleres como mercadoría e afecta especialmente a aquelas máis vulnerables, sendo unha violación incuestionable dos dereitos humanos”.
Na sede da Subdelegación do Goberno en Lugo despregouse unha pancarta conmemorativa dunha data “que nos convoca como sociedade e que nos obriga a mirar de fronte unha realidade que segue sendo extremadamente dura”, engadiu a subdelegada.
A representante do Goberno en Lugo destacou que este tipo de violencia require dunha resposta integral que combine prevención, protección ás vítimas e persecución dos delitos, e lembrou que o Goberno leva anos reforzando recursos para avanzar cara á súa erradicación. Ademais, agradeceu aos axentes dos corpos de seguridade o seu traballo “sen descanso, moitas veces discreto, pero absolutamente imprescindible para garantir unha resposta efectiva, segura e humana ás vítimas”.
Olimpia López sinalou que a colocación da pancarta “é tamén unha maneira de facer visible unha realidade que moitas veces permanece oculta, pero que temos a obriga de sinalar e denunciar, porque só así poderemos avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria”.