Olimpia López entrega 74 carnés de “ciberexperto” ao alumnado do colexio lugués Luis Pimentel

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, fixo entrega esta mañá de 74 carnés de “ciberexpertos” ao alumnado de 6º de primaria do colexio Luis Pimentel de Lugo, nun acto ao que tamén asistiron os formadores da Policía Nacional, Rubén Darío Veiga e Iván García e a inspectora xefe e responsable da sección de Seguridade Cidadá, Sonia Aparicio. A subdelegada puxo en valor o compromiso do Goberno coa formación dixital nas aulas para evitar o ciberacoso, as tecnoadicións e o acceso a contido inapropiado a través das novas plataformas.
Nos actos de entrega dos carnés, felicitou a todos os alumnos e alumnas polo seu interese nesta aprendizaxe, así como aos formadores da Policía Nacional “polo seu esforzo por achegar recursos e aprendizaxes aos escolares”. A subdelegada tamén tivo palabras para o equipo directivo, a quen agradeceu “o seu interese e receptividade para facilitar que estes recursos cheguen ao seu alumnado”.
Olimpia López quixo engadir que “os beneficiarios son os menores que reciben a formación, pero, de forma indirecta, benefícianse a contorna educativa e familiar, e a sociedade no seu conxunto”.
Os axentes da Policía Nacional traballaron cos escolares en cuestións como a navegación segura, a xestión da privacidade en liña e fóra da rede, o uso responsable das redes sociais e a prevención fronte aos riscos das Tecnoloxías da Relación, Información e Comunicación (TRIC). “A seguridade dixital da infancia e a mocidade é un reto colectivo, e dende o Goberno de España apostamos por formar ás novas xeracións no uso seguro da internet e das redes sociais”, destacou a subdelegada.
Durante o 2026, a Policía Nacional prevé entregar ata 700 carnés de “ciberexperto” na cidade de Lugo. “Este programa demostra que a prevención e a formación son as mellores ferramentas para protexer á infancia no entorno dixital”, finalizou López.