Olimpia López entrega carnés de ciberexpertos nos colexios Sagrado Corazón e Albeiros de Lugo

LugoXa
O programa forma alumnado de Primaria no uso seguro da internet e na prevención de riscos dixitais
carnés-de-ciberexpertos-Lugo
11 May 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, participou na entrega de 31 e 42 carnés de “ciberexpertos” ao alumnado de 6º de Primaria dos colexios Sagrado Corazón e Albeiros de Lugo, nun acto no que tamén estiveron presentes os formadores da Policía Nacional, Rubén Darío Veiga e Iván García.

Durante o acto, a subdelegada destacou o compromiso do Goberno coa formación dixital nas aulas como ferramenta fundamental para previr calquera tipo de acoso ou violencia a través das novas plataformas. Tamén felicitou o alumnado polo seu interese e implicación nesta aprendizaxe, así como aos axentes da Policía Nacional polo seu labor formativo coas crianzas, e agradeceu ao equipo directivo dos centros a súa colaboración e receptividade para acoller este tipo de iniciativas educativas.

Olimpia López subliñou que a seguridade dixital da infancia e da mocidade é un reto colectivo, polo que o Goberno de España aposta pola formación das novas xeracións no uso seguro de internet e das redes sociais.

Ao longo das sesións, o alumnado traballou conceptos como a navegación segura, a xestión da privacidade en liña e fóra da rede, o uso responsable das redes sociais e a prevención fronte aos riscos asociados ás Tecnoloxías da Relación, Información e Comunicación.

A Policía Nacional prevé entregar ata 700 carnés de “ciberexpertos” na cidade de Lugo durante o ano 2026, dentro dun programa que, segundo destacou a subdelegada, demostra que a prevención e a formación son as mellores ferramentas para protexer a infancia no ámbito dixital.

0.12172818183899