Oliver Laxe logra dúas nominacións aos Oscar 2026 coa película 'Sirat'

O cineasta Oliver Laxe conseguiu situar de novo o seu nome no panorama audiovisual internacional tras lograr dúas nominacións aos Premios Oscar 2026 coa súa película Sirat, que competirá nas categorías de mellor película internacional e mellor son. Con raíces francesas pero criado en Navia de Suarna, o director de O que arde buscará facerse un oco na industria cinematográfica estadounidense nesta 98ª edición dos galardóns máis prestixiosos do cinema.
As nominacións foron destacadas pola concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, quen aproveitou a súa presenza na Feira Internacional de Turismo FITUR para felicitar ao director lucense polo recoñecemento acadado. Laxe achegouse tamén a FITUR para participar na presentación da campaña de promoción turística da Deputación de Lugo, titulada Provincia de Lugo, Reserva Natural.
Ferreiro puxo en valor a traxectoria do cineasta e o seu papel como referente cultural a nivel internacional, subliñando o orgullo que supón para Lugo contar cun creador cunha proxección mundial. A concelleira salientou tamén a importancia de visibilizar o talento cultural galego en espazos de gran proxección como FITUR, onde, segundo indicou, a cultura e a promoción exterior do territorio van da man.