Oliver Laxe presenta en Navia de Suarna a súa premiada película Sirat tras triunfar en Cannes

O director lucense Oliver Laxe, recentemente premiado no Festival de Cannes, estreou este domingo en Navia de Suarna a súa última película, Sirat, nun evento que converteu a este pequeno municipio da montaña lucense no epicentro cultural de Galicia por un día. A expectación foi máxima e centos de veciños e veciñas da provincia achegáronse para compartir co cineasta unha proxección moi especial, cargada de emoción e significado.
A película, rodada no deserto de Marrocos, narra a historia dun pai que, xunto co seu fillo, chega a unha rave na procura da súa filla desaparecida. Con esta nova obra, Laxe volve amosar a súa capacidade para explorar o humano dende paisaxes extremas, cunha estética íntima e poderosa que o consolidou como unha das voces máis singulares do cinema europeo contemporáneo.
A cita celebrouse na praza da Pobra de Navia, onde se instalou unha gran carpa con capacidade para unhas 500 persoas. Alí, antes da proxección, interviñeron as autoridades e o propio director, que agradeceu a calorosa acollida dos seus veciños e reivindicou o poder transformador do cine feito dende e para o territorio.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e mais o alcalde de Navia de Suarna, José Fernández, acompañaron o cineasta nesta xornada histórica. García Porto definiu o día como “un momento que xa pertence á historia da nosa provincia” e destacou a figura de Laxe como “un espello no que se poden mirar os nosos mozos e mozas”, subliñando a súa ambición, humildade e compromiso coa cultura e co territorio.
A Deputación de Lugo fixo posible este evento cunha achega de preto de 8.000 euros, reafirmando así o seu apoio ao sector audiovisual lucense. Esta colaboración enmárcase nunha liña de impulso á creación cultural que inclúe tamén o respaldo a anteriores traballos de Laxe, como O que arde, así como iniciativas como o Centro de Formación Audiovisual e a produtora propia da institución provincial. “O audiovisual é un motor de transformación, un vehículo de identidade e un recurso estratéxico para o desenvolvemento do rural”, concluíu a deputada.