Oliver Laxe triunfa nos Goya 2026 con seis galardóns por ‘Sirat’

A película Sirat, dirixida polo cineasta dos Ancares Oliver Laxe, acadou seis galardóns na edición de 2026 dos Premios Goya, converténdose nun dos títulos máis destacados da gala. O filme foi recoñecido co premio á mellor música orixinal para Kangding Ray; mellor montaxe para Cristóbal Fernández; mellor son para Amanda Villavieja, Laia Casanovas e Yasmina Praderas; mellor dirección de produción para Oriol Maymó; mellor dirección de fotografía para Mauro Herce; e mellor dirección de arte para Laia Ateca Font.
Con estes seis recoñecementos, o director natural de Navia de Suarna sitúase no máis alto do panorama cinematográfico internacional, sumando novos éxitos a unha traxectoria xa consolidada e reforzando a proxección do cinema feito desde Galicia nos grandes circuítos culturais.
Sirat é unha produción hispano-francesa dirixida por Óliver Laxe, quen asina tamén o guión xunto a Santiago Fillol. Protagonizada por Sergi López e Bruno Núñez, a historia segue a viaxe dun pai e o seu fillo polos desertos de Marrocos na procura de Mar, a filla e irmá desaparecida meses atrás nunha das festas rave que se celebran nese entorno.
O argumento arrinca coa chegada dun home e o seu fillo a unha rave perdida en Marrocos, onde comezan a repartir a fotografía da moza mentres a música electrónica envolve o ambiente. No seu percorrido coñecen a un grupo de asistentes a estas festas e deciden acompañalos ata unha última celebración que terá lugar no deserto, coa esperanza de atopar alí á moza desaparecida. A estrea mundial do filme produciuse no Festival Internacional de Cine de Cannes de 2025, reforzando a súa dimensión internacional.