Once colexios de Lugo presentan as súas ideas no concurso 'Dálle Voz á Terra' de EDP

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
Durante a gala, cada centro exporá de forma creativa e artística as súas propostas para converter os seus colexios en espazos máis sostibles, inclusivos e comprometidos co coidado do planeta
concurso-ideas-edp
25 May 2026

A Fundación EDP celebrará o vindeiro martes 26 de maio, ás 11:00 horas, no Círculo das Artes de Lugo, a gala final do concurso escolar “Dálle Voz á Terra”, unha iniciativa da “Escola da Enerxía” que promove a concienciación ambiental, a sostibilidade e a transición enerxética entre o alumnado de Educación Primaria.

Nesta edición, máis de 300 nenos e nenas, de segundo e terceiro ciclo de Primaria, procedentes de 11 centros educativos de toda a provincia de Lugo, participarán na fase final do concurso. Durante a gala, cada centro exporá de forma creativa e artística as súas propostas para converter os seus colexios en espazos máis sostibles, inclusivos e comprometidos co coidado do planeta.

As propostas presentadas polos diferentes colexios destacan pola súa diversidade, creatividade e enfoque práctico, e inclúen iniciativas como a creación de invernadoiros e hortas sostibles, proxectos de reciclaxe e elaboración de compost, sistemas de rega mediante depósitos de auga da chuvia, a instalación de paneis solares, a construción de hoteis de insectos para favorecer a biodiversidade ou o aproveitamento da enerxía cinética xerada no patio de xogos para producir enerxía no propio centro educativo.

O centro gañador recibirá por parte da Fundación EDP unha instalación solar, un punto de recarga eléctrica ou outra iniciativa sostible, por un valor máximo de 5.000 euros.

O acto contará coa presenza de Vanda Martins, directora da Fundación EDP, e dun xurado composto por Ángela Balboa, enxeñeira en Norvento TechnPower; Belén Rodríguez, xornalista da Axencia EuropaPress de Lugo e TerraChaXa; e Jacobo Casas, Especialista Sénior en Operación e Mantemento de Activos en Begasa.

O programa “Dálle Voz á Terra” reforza o compromiso da Fundación EDP coa educación ambiental, a innovación educativa e o impulso dunha cultura enerxética responsable entre os máis novos, en liña cos contidos curriculares e os obxectivos de desenvolvemento sostible.

Centros educativos finalistas

  • CEIP Santa Rita (Viveiro)
  • CEIP Os Castros (Burela)
  • CEIP Celso Currás (Trabada)
  • CEIP Santa María do Valadouro
  • CEIP de Quiroga
  • CEIP Fondo Nois (Foz)
  • CEIP O Vicedo
  • CPR Divina Pastora – Salesianos (Lugo)
  • Colexio Fingoi (Lugo)
  • CEIP Virxe da Luz (Portomarín)
  • CEIP Menéndez Pelayo (Lugo)
0.11343908309937