ONG Escuela Shantidi: “Na India, non teñen o máis elemental, por iso queremos poñer o noso gran de area”

GaliciaXa | LugoXa
Teresa Vila, presidenta da ONG Escuela Shantidi, que fai 10 anos de traballo solidario na India e de visibilización e proxección social en Lugo
ONG-Escuela-Shantidi-India
8 Jul 2026

Jessica Fernández

A ONG Escuela Shantidi leva unha década de traballo solidario impulsada pola traxectoria da súa presidenta, Teresa Vila, unha voluntaria que acumula máis de 30 anos de experiencia en cooperación internacional e dúas décadas de vinculación directa coa India. A organización naceu, segundo relata ela mesma, dun punto de inflexión vital e ético. “Chega un momento no que ou marchas de alí para non volver ou das un paso adiante para crear un proxecto viable, e así o fixen. Fundamos a ONG cun grupo de amigos de toda a vida de Lugo”.

Co paso do tempo, aquel núcleo inicial ampliouse con voluntarios procedentes de distintos puntos de España, desde Galicia ata Madrid ou Tenerife, nunha rede que medra tanto polo boca a boca como polo impacto das experiencias compartidas. Vila resume ese efecto cunha convicción que se repite entre quen viviron estas expedicións solidarias: “As viaxes cuxo obxectivo é o voluntariado, realmente axúdante a ti mesmo, porque a satisfacción que tes é indescritible. Unha persoa que fai unha viaxe cun fin solidario xa non volve viaxar de forma turística como antes, porque non a enche, non lle achega: isto é moito máis satisfactorio”.

O traballo da ONG non se limita a unha única forma de intervención, senón que se adapta a distintos contextos e niveis de implicación. Desde experiencias máis abertas, que combinan axuda e coñecemento da contorna, ata proxectos máis profundos en zonas rurais, a organización entende a cooperación como un proceso que transforma tamén a quen a realiza. “O primeiro ano que estiven na India cunha asociación internacional estivemos no medio do deserto”, explica Vila ao lembrar as súas primeiras experiencias, subliñando como o contacto directo coa realidade condiciona a forma de implicarse posteriormente. Pero puntualiza que cada persoa está máis ou menos preparada segundo que experiencia solidaria, polo que un pode ir axudar e, de paso, coñecer de forma turística a India, e outros poden ir só axudar, segundo o grao de compromiso que queiran adquirir.

“NOSO OBXECTIVO É AXUDARLLES A SER INDEPENDENTES”

No corazón do proxecto latexa unha idea que a presidenta repite como principio reitor: a autonomía. “O noso obxectivo fundamental é axudarlles a ser independentes. É dicir, non lle dás un peixe, dáslle a cana para que o consigan”, afirma, sintetizando unha filosofía de cooperación que prioriza a formación e o desenvolvemento de capacidades fronte á asistencia puntual.

As diferenzas estruturais entre contextos son abismais, e Vila non evita describilas con crueza. “Alí hai tanta necesidade de cousas tan elementais para nós… Eles non teñen o máis mínimo. Non teñen acceso a un médico en toda a súa vida”, explica. Nese escenario, cada intervención percíbese como unha suma mínima pero necesaria: “Somos miles de ONG e non chegan… é un gran de area, pero fai tanta falta…”. Así, tamén amosa unha mirada crítica cara ao contraste entre realidades: “Alí, as persoas son números, mentres que aquí cada vida importa. Aquí temos de todo e ben, e aínda así queixámonos; e, alí, con pouco que fagas, a xente é superagradecida”.

O traballo sobre o terreo inclúe desde atención sanitaria con profesionais voluntarios ata iniciativas de educación, infraestrutura básica ou programas de empoderamento. Entre eles, destacan a construción de aseos, especialmente para nenas, unha medida clave para evitar o abandono escolar e reducir matrimonios temperáns, así como proxectos educativos, hortas ecolóxicas, unha por familia, que permitiron que puidesen sobrevivir durante a pandemia; e obradoiros, que, ademais, se integran nunha cadea de autosostibilidade: o que producen pode venderse posteriormente en mercadiños solidarios.

O financiamento do proxecto sostense sobre o voluntariado, a colaboración externa de amigos e empresas e unha axuda pública. “Somos todos voluntarios, ninguén ten un soldo aquí”, subliña Vila, que explica como a ONG se mantén grazas a eventos solidarios, doazóns en especie, mercadiños e o apoio de institucións como a Xunta de Galicia, sendo a ONG unha das cinco organizacións non gobernamentais máis valoradas de Galicia a nivel de voluntariado. Nese ecosistema tamén se inclúen actividades como a coñecida festa solidaria anual, que este ano se celebra por primeira vez no Club Fluvial o 11 de setembro “e cremos que será a mellor ata agora, xa que nos consta que hai moitos socios interesados en participar”.

Ademais, a organización desenvolve actividades de sensibilización en Galicia, especialmente en centros educativos, onde comparten experiencias e material fotográfico. Ese contido formará parte dunha exposición prevista en outubro na Capela de Santa María de Lugo, onde se mostrarán proxectos como as hortas ecolóxicas ou os obradoiros desenvolvidos na India.

Mirando cara ao futuro, a presidenta asegura que: “Con respecto ao futuro, a nosa finalidade é seguir o camiño feito ata agora”. Unha frase que, máis que un peche, funciona como continuidade dun compromiso que non entende de finais, senón de permanencias.

0.1253650188446