Orbazai celebra este sábado a súa XI Foliada
Orbazai celebrará o vindeiro 3 de xuño a 11ª edición da súa Foliada, unha celebración popular que reivindica a música tradicional e pon de manifesto o dinamismo social e cultura da parroquia lucense.
Airiños de Orbazai, a Asociación de Veciños e a Comunidade de Montes organizan esta xornada, que conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a da área de Cultura do Concello de Lugo e que se celebrará na Carballeira de Xanares.
Esta nova edición da Foliada contará por primeira vez no elenco de grupos cunha formación portuguesa, o Rancho Folclórico Santa María de Adaufe, de Braga, que se suma a Son de Lugh, Fol do Raxal, Cantareiras D ́Xanares e Airiños de Orbazai.
Ademais a Carballeira de Xanares acollerá tamén durante a xornada unha feira de artesanía cunha decena de postos de teceduría, xogos de madeiras, obradoiros de construción de instrumentos ou produtos agroalimentarios.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo e responsable de Cultura Maite Ferreiro subliñou “a iniciativa e o compromiso coa cultura e a música tradicional da veciñanza de Orbazai, impulsado por un asociacionismo moi activo que é unha boa mostra da importancia que os colectivos de base teñen no dinamismo social e cultural”.
A xornada dará comezo ás 11.00 coa apertura da Feira de Artesanía e ás 14.00 horas será o Xantar Popular.
A partir das 17.00 horas dará comezo a foliada cos grupos Son de Lugh, Cantareiras D´Xanares, Fol do Raxal, Rancho Folclórico Sta. María de Adaufe e Airiños de Orbazai.
Para finalizar ás 21.00 horas haberá degustación gratuíta de petiscos e a continuación comezará a foliada aberta.