Organiza un ciclo sobre a romanización na programación da Capital da Cultura de Lugo
A primeira conferencia ten lugar hoxe, día 2, no Vello Cárcere a cargo de José Manuel Flores Gomes e Deolinda María Veloso Carneiro, da Câmara de Póvoa de Varzim.
O ciclo de conferencias Gallaecia: pasado común do Noroeste peninsular, chega ao Vello Cárcere todos os martes de maio, enmarcado na programación impulsada polo goberno de Lara Méndez con motivo da Capital da Cultura do Eixo Atlántico. Esta iniciativa reunirá a reputados arqueólogos e expertos para abordar a romanización en Lugo e o resto de Galicia e no norte de Portugal.
As diferentes rexións que compoñen o noroeste peninsular comparten moitas similitudes como as súas paisaxes, o clima, a cultura, ou o carácter das súas xentes, entre outras. Este vínculo é froito dun pasado común: a provincia romana de Gallaecia que, lonxe da fronteira internacional que hoxe delimita Galicia e Portugal, uniu ese territorio baixo o control do Imperio Romano.
Neste senso, Lara Méndez explicou que “este ciclo de conferencias pretende dar o coñecer ese pasado compartido para comprender mellor o noso presente; por iso quixemos contar cos mellores conferenciantes de toda Galicia e Portugal, da talla de Santiago Ferrer, Fermín Pérez Losada, ou Miguel Sopas de Melo Bandeira, entre outros”.
A rexedora destacou a importancia de compartir coñecementos e experiencias con especialistas no proceso da romanización, “e que estas reflexións se desenvolvan en Lugo, a cidade máis antiga de Galicia e que foi unha das principais urbes do noroeste peninsular, xunto con Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga), nomeada capital do seu convento xurídico”.
Pezas arqueolóxicas da Xunta, diseminadas
Por iso, Méndez incidiu na necesidade de que Lugo acolla o Museo da Romanización de Galicia e do Noroeste Peninsular no Cuartel de San Fernando, tal e como estaba previsto, polo que unha vez máis reclamaremos á Xunta que cumpra co seu compromiso e así “poder protexer, coidar, difundir e investigar o noso pasado romano, que é o que representan as máis de 1.500 pezas arqueolóxicas propiedade da Xunta que están distribuídas en numerosos centros lucenses, a gran parte en caixas, e mesmo en domicilios de arqueólogos”.
O primeiro dos debates será o día 2 de maio, ás 20.30 horas, no Vello Cárcere. Abordarase A Cividade de Terroso e a Vila Mendo Estela, aspetos da Proto-História e Romanização do Litoral Minhoto, onde intervirán os expertos José Manuel Flores Gomes e Deolinda María Veloso, da Câmara de Póvoa de Varzim.
O 9 maio, o especialista Tomás Vega Avelaira falará de O exército e as obras públicas na Gallaecia romana.