Organizan en Lugo unha Xornada sobre micoloxía
A Deputación de Lugo abriu o prazo de inscrición para as actividades gratuítas de lecer e educación ambiental que se desenvolverán durante o último trimestre de 2024 nas Reservas dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá para promover un lecer saudable e fomentar a educación ambiental entre a veciñanza. As actividades están dirixidas tanto a adultos como a nenos e nenas e ofrecen máis de 290 prazas.
A programación comezará o 14 de outubro e prolongarase ata o 30 de decembro, con obradoiros, xornadas e rutas que se desenvolverán en diversos espazos das dúas reservas. Os interesados na micoloxía teñen unha cita na cidade de Lugo pois a primeira actividade será unha Xornada sobre micoloxía, que se celebrará do 14 ao 19 de outubro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, en horario de 19.30 a 21.30 horas. Esta iniciativa, que inclúe tamén unha saída ao campo, conta con 100 prazas para adultos.
Ademais, entre o 21 e o 25 de outubro terá lugar a actividade Cultivos de Outono-Inverno no Centro de Interpretación Terras do Miño, cun horario de 16.00 a 20.00 horas e un total de 20 prazas dispoñibles. Por outra banda, os días 28, 29, 30 e 31 de outubro celebrarase o obradoiro Propagación de plantas de interior, con 15 prazas e un horario de 10:00 a 14:00 horas.
En novembro, as actividades inclúen o obradoiro Primeiras nocións: xestión da colmea, que se desenvolverá en varias sesións do 8 ao 17 de novembro, cun total de 12 prazas. Tamén haberá dous obradoiros de Poda, un do 18 ao 22 de novembro, con 15 prazas, e outro do 16 ao 20 de decembro, con 20 prazas, ambos en horario de 16:00 a 20:00 horas. As persoas interesadas en participar nas actividades deben inscribirse nos teléfonos ou correos electrónicos facilitados pola Deputación de Lugo, dispoñibles tamén a través da súa web. Con esta programación, a Deputación busca promover hábitos saudables e fomentar o coñecemento e respecto polo medio ambiente nas zonas naturais da provincia.