Organizan en Outeiro cursos de reciclaxe de mobles e de xoguetes
O Concello de Outeiro de Rei está rematando os traballos para habilitar ao carón da nave de servizos municipal do parque empresarial, un espazo para o intercambio, restauración e autorreparación de obxectos, co obxectivo de alongar a vida útil dos mesmos.
Como punto de arranque deste proxecto, o Concello organiza dous cursos que se desenvolverán neste espazo a partir do próximo mes. Por unha parte organizan un curso de reciclaxe de mobles que se prolongará do 21 de outubro ao 12 de novembro en horario de xoces e venres de 16:15 a 19:15 horas. Haberá 10 prazas e será de balde.
Esta actividade está dirixida á reciclaxe e á restauración de mobles.
Tamén se realizar un curso de reparación de xoguetes entre o 16 de outubro e o 13 de novembro, os sábado de 10:00 a 13:00 horas, tamén para dez persoas e gratuíto.
Este curso permitirá ás persoas participantes reparar xoguetes actuais (por exemplo, coches teledirixidos e outros moitos con mecanismos máis sinxelos) e tamén restaurar xoguetes antigos.
As persoas interesadas en participar poden realizar a súa solicitude na Casa da Cultura de Outeiro de Rei ou no 982 393 408; o prazo estará aberto do ata o 14 de outubro.
Dentro deste proxecto está previsto que o día 14 de outubro teña lugar unha xornada sobre economía circular e reciclaxe e a presentación do espazo de autorreparación e intercambio de obxectos; neste caso, a cita terá lugar na casa da cultura de Outeiro de Rei ás 11:00 horas.
Este proxecto obtivo subvención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (programa operativo FEder Galicia 2014-2020) da Unión Europea.