Organizan na Casa das Insuas un taller de vimbio vivo en macetas
A Asociación Galega de Custodia do Territorio continúa coas actividades da Casa das Insuas coa celebración dun taller de vimbio vivo en macetas, impartido pola cesteira Idoia Cuesta. Será o día 26 de febreiro, de 10:30 a 14:00 horas.
Utilizando as varas da poda que xa están feitas, cada un dos participantes fará a súa propia estrutura de vimbio. O alumno levará para casa unha maceta coa súa creación. Solicítase que cada un leve unhas tesoiras de poda.
O taller ten prazas limitadas e as inscricións poden realizarse en www.custodiadoterritorio.org/actividades. Tamén se ofrece máis información en custodiadoterritorio@gmail.com ou no 620-59.38.92.
Esta actividade inclúese dentro do convenio asinado entre a AGCT e a Deputación de Lugo para a conservación, investigación e divulgación da natureza nas Insuas do Miño e Ollos de Begonte e na Reserva da Biosfera de Terras do Miño.