Organizan no Centrad a cuarta edición do curso de interpretación e instrumentos medievais

O Centro de Artesanía e Deseño acollerá do 23 ao 26 de abril a cuarta edición do curso de música medieval Sons dos Camiños, na que as persoas asistentes poderán perfeccionar a interpretación de instrumentos como arpas medievais, cítolas e laúdes, salterios ou organistros.
Intérpretes de recoñecemento internacional como Manuel Vilas, Begoña Olavide, Paloma Gutiérrez del Arroyo, Peppe Frana e Francisco Luengo, que se encarga tamén da dirección e da coordinación, impartirán o curso, que inclúe clases individuais e grupais, sesións teóricas e un concerto final.
Trátase da cuarta edición do curso que situou Lugo nun lugar de referencia en formación e interpretación da música antiga e medieval e que pon en valor o patrimonio musical que alberga o Centro de Artesanía e Deseño (Centrad), nomeadamente as reproducións de instrumentos medievais da Colección de Instrumentos.
O alumnado poderá empregar no curso estes instrumentos creados polo Obradoiro de Instrumentos do Centrad a partir da iconografía do Pórtico da Gloria e do Pazo de Xelmírez.
O curso desenvolverase no Centro de Artesanía e Deseño do 23 ao 26 de abril, en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas. O día 26 as alumnas e alumnos ofrecerán un concerto coas obras individuais e grupais preparadas durante o curso. A inscrición no curso, gratuíto, require inscrición previa no enderezo electrónico info.centrad@deputacionlugo.org