Organizan o reto '100 quilómetros solidarios contra o lupus na Muralla de Lugo'

Lugo acollerá o venres 12 de xuño unha iniciativa deportiva e solidaria baixo o nome “100 km polo lupus na Muralla de Lugo”, un reto impulsado pola Policía Local de Lugo, a través de AUPOL, en apoio á Asociación Galega de Lupus.
A actividade desenvolverase desde as 10:00 horas na contorna da Muralla de Lugo, onde axentes da Policía Local participarán nunha carreira de relevos co obxectivo de completar 100 quilómetros nun tempo máximo de 10 horas. A proposta busca dar visibilidade ás persoas que conviven diariamente con esta enfermidade autoinmune e promover a concienciación social.
Durante a xornada tamén se porá á venda un parche conmemorativo solidario por un donativo de 5 euros, cuxa recadación se destinará aos programas de investigación e apoio que desenvolve a Asociación Galega de Lupus.
Desde o Concello de Lugo respáldase esta iniciativa, destacando o seu carácter solidario e o seu valor para unir deporte, sensibilización e compromiso social arredor dunha causa sanitaria.