Organizan obradoiros de prevención de adiccións nos centros educativos e para as familias de Lugo

LugoXa
O programa desenvolverase entre novembro de 2026 e xuño de 2027 e incluirá actividades adaptadas a cada etapa educativa sobre o consumo de substancias, as redes sociais, os videoxogos e as apostas
Cursos-Prevención-Drogas-Concello de Lugo
12 Nov 2026

O Concello de Lugo, a través do Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias e outras Adiccións Comportamentais, dependente da Concellería de Xuventude e Deportes, pon en marcha unha nova edición dos obradoiros de prevención dirixidos ao alumnado dos centros educativos e ás familias. A programación desenvolverase entre novembro de 2026 e xuño de 2027 co obxectivo de dotar a mozos e mozas de coñecementos e ferramentas para tomar decisións autónomas e responsables ante os consumos e as novas adiccións.

As actividades abordarán cuestións como a presión do grupo, o uso das redes sociais e dos videoxogos, as apostas, os teléfonos móbiles e o consumo de substancias adictivas. A proposta busca ir máis alá da información e traballar habilidades como o pensamento crítico, a resolución de conflitos e a capacidade para afrontar situacións de presión social.

Os contidos adaptaranse ás diferentes idades. Para 5º e 6º de Primaria desenvolverase o programa 'Prevención de adiccións con e sen substancia. Desconecta', centrado no alcohol, o tabaco, os videoxogos, as apostas e as redes sociais, así como na toma de decisións e na resolución de conflitos. O alumnado de 1º e 2º da ESO participará no programa 'Unplugged', baseado na evidencia científica e dirixido a mozos e mozas de entre 12 e 14 anos, que traballa as habilidades para a vida, a información sobre as adiccións e a influencia do contorno social.

En 3º da ESO, as sesións centraranse no consumo de cannabis, os vapeadores e outros produtos do tabaco, con especial atención aos mitos e riscos asociados. Pola súa banda, 4º da ESO incorporará como novidade dúas sesións por grupo sobre as adiccións do século XXI, nas que se abordarán a responsabilidade persoal, a comunicación, as habilidades sociais e emocionais, a resolución de conflitos e o pensamento crítico. Os obradoiros serán impartidos por profesionais dos ámbitos socioeducativo e da psicoloxía mediante unha metodoloxía práctica e participativa.

Sesións tamén para as familias

A programación inclúe encontros específicos para as familias, nos que se ofrecerán información e ferramentas para acompañar os fillos e fillas na prevención das adiccións. Trataranse cuestións como as adiccións tecnolóxicas e comportamentais, as substancias psicoactivas, as apostas, as redes sociais e o uso dos teléfonos móbiles, así como as estratexias de prevención no ámbito familiar.

Estas actividades organizaranse en función das solicitudes recibidas, dando prioridade aos grupos xa constituídos, como centros educativos, asociacións ou colectivos de nais e pais. Poderán desenvolverse ao longo de todo o ano en función da demanda.

Os centros educativos interesados poderán presentar as súas solicitudes ata finais de ano. As datas organizaranse, na medida do posible, segundo as preferencias dos centros e a orde de recepción das peticións. No caso das actividades para familias, as solicitudes permanecerán abertas durante todo o ano. Se se esgotan as horas inicialmente previstas, o Concello contempla a posibilidade de renovar o servizo para darlle continuidade.

A iniciativa incorpora unha visión ampla da prevención, que atende tanto ao consumo de substancias como ás adiccións comportamentais vinculadas ás tecnoloxías, os videoxogos, as redes sociais ou as apostas. Para obter máis información ou solicitar os obradoiros, os centros educativos e as familias poden contactar co Servizo Municipal de Prevención no teléfono 982 297 498.

0.15549612045288