Organizan un curso en Lugo de xuíces gandeiros de rubia galega

LugoXa
Programado por Agacal, ten previsto comezar o xoves 30 de setembro no edificio multiusos da Xunta na cidade lucense
vaca rubia galega
25 Sep 2021

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) organiza esta semana vindeira en Lugo un curso de xuíces gandeiros da raza Rubia Galega. Previsto dende o xoves 30 de setembro no edificio multiusos da Xunta, os servizos veterinarios da Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Lugo serán os encargados de impartilo en horario de 9,00 a 13,00 horas, en colaboración coa Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga).

O obxectivo da iniciativa é que os gandeiros coñezan a cualificación lineal como método de selección de futuros reprodutores da raza, o esquema do programa de mellora xenética e os conceptos básicos para xulgar os animais de aptitude cárnica, formándose así sobre o prototipo racial para poder valorar eles mesmos os exemplares.

Nesa liña, o primeiro día centrarase na materia teórica, con contidos sobre a anatomía do gando vacún de carne, os programas de mellora xenética, a valoración lineal dos animais en vivo e dos canais ou sobre o manexo produtivo en gando vacún e a súa influencia na calidade da carne. O segundo e o terceiro día as sesións serán eminentemente prácticas, acudindo a unha explotación o venres 1 de outubro e a Expolugo A Rural 2021 o sábado 2, onde os alumnos poderán facer as súas propias valoracións no marco do concurso e exposición de gando de raza Rubia Galega que terá lugar neste certame que acollerá o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

Canto aos participantes, a acción están dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico jesus.juan.cantalapiedra.alvarez@xunta.es. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 982294933.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.25120186805725