Organizan un encontro para descubrir os segredos da Gala dos Premios Mestre Mateo

Lugo converterase este venres, 20 de febreiro, no escenario dun encontro aberto á cidadanía co que se pretende amosar o traballo interno que hai detrás da Gala dos Premios Mestre Mateo. A actividade, titulada “Encontro co público: detrás dos Mestre Mateo. Queres saber como se crea un evento destas características?”, enmárcase na programación previa á celebración destes galardóns do audiovisual galego.
Durante a sesión, profesionais responsables das áreas de produción e comunicación da gala compartirán coa veciñanza os detalles menos visibles da organización dun evento destas dimensións, desvelando aspectos pouco coñecidos sobre a súa planificación, coordinación e execución. A conversa permitirá achegar ao público os entresixos dun dos acontecementos máis relevantes do sector audiovisual galego.
O encontro contará coas intervencións de Martín Cañedo, director de produción dos Premios Mestre Mateo, Yohana Silva, xefa de produción, Candela Montero, axudante de produción e Sandra Carnota, responsable do departamento de Comunicación, que compartirán co público os detalles e as impliacións do seu traballo como responsables da organización e da difusión dos Premios e da Gala, que se celebrará o 21 de marzo no Auditorio Fuxan Os Ventos. A asistencia é libre e gratuíta, ata completar a capacidade do Salón de Actos.
A actividade forma parte da programación organizada pola Academia Galega do Audiovisual para implicar á cidadanía na gala e socializar a importancia do sector audiovisual galego. Nese obxectivo, encádranse tamén as proxeccións das longametraxes e documentais finalistas dos Premios que se están realizando durante este mes nos Cinex Códex.
A Gala dos Premios Mestre Mateo, organizada pola Academia Galega do Audiovisual, celebrarase o 21 de marzo en Lugo e conta co financiamento da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da área de Cultura do Concello de Lugo. A programación complementaria busca achegar o certame á cidadanía e promover unha participación máis activa arredor dun evento que cada ano gaña maior relevancia no panorama cultural galego.