Organizan un paseo literario pola Muralla Romana en homenaxe ao seu 25º aniversario como Patrimonio da Humanidade

O guía turístico Guido Álvarez Parga, a profesora de Lingua e Literatura Ana Mª Dopazo Pérez, o xestor cultural, escritor e poeta Simón Rodríguez, coñecido como Galego de Caracas, e o mestre, escritor e poeta Toño Núñez anunciaron a organización dun paseo literario pola Muralla Romana de Lugo.
A actividade terá lugar o mércores 12 de marzo e busca render homenaxe ao monumento coincidindo co 25º aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
O paseo partirá ás 18.00 horas desde a Praza Pío XII e ofrecerá unha experiencia única para descubrir a Muralla a través da literatura. Durante o percorrido, lembraranse textos de diversas persoas que escribiron sobre este símbolo histórico da cidade.
A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través do correo electrónico guidoguiaturismo@gmail.com. Os organizadores destacan que se trata dunha proposta espontánea aberta a toda a cidadanía para poñer en valor a riqueza histórica e cultural da Muralla Romana de Lugo.