Os alcaldes socialistas certifican a lexislatura do abandono do rural en Lugo

TerraChaXa | LugoXa
A secretaria Provincial e deputada Autonómica, Patricia Otero encabezou a denuncia que realizaron os alcaldes socialistas da provincia de Lugo, diante da Xunta, contra os recortes e ao abandono do PP de Feijóo ao rural lucense.
104122860_2973589999426297_2094003818071929998_n
18 Feb 2020

A secretaria Provincial e deputada Autonómica, Patricia Otero encabezou a denuncia que realizaron os alcaldes socialistas da provincia de Lugo, diante da Xunta, contra os recortes e ao abandono do PP de Feijóo ao rural lucense. Concretamente Otero dixo que “a última convocatoria do plan Marco de Camiños da Xunta rebaixouse nun 1 millón de euros na provincia de Lugo. O delegado da Xunta  anunciou a bombo e platillo que todos os Concellos da provincia xa podían solicitar as subvencións para estes proxectos, pero esquecéuselle dicir que todos os Concellos da provincia teñen recortes con respecto á pasada anualidade”.

Así as cousas, e coas cifras enriba da mesa Otero denunciou que dende “o ano 2016 que comezaron estas axudas ata ás anualidades actuais 2020-21, hai unha redución do orzamento total para camiños municipais dun 70%. É dicir Galicia pasou dun orzamento inicial de 20 millóns de euros no 2016, ata os 6 millóns de euros actuais. Concretamente na provincia de Lugo pasamos de percibir 5,3 millóns no ano 2016 paras os 67 concellos, aos 3 millóns actuais repartidas en dúas anualidades”.

Otero dixo que “esta é a verdadeira lexislatura do abandono do rural, e Lugo é a provincia máis afectada polas políticas sectarias, de recortes e abandonos do Goberno de Feijóo, Balseiro e Candia”, espetou.

Feijóo converte aos veciños de Lugo en cidadáns de segunda

Así as cousas a Secretaria Provincial advertiu que “Feijóo e o PP están convertendo aos galegos que viven no rural en cidadáns de segunda, con menos servizos e menos investimentos. Hoxe falamos de recortes en camiños municipais, pero o mesmo sucede coa sanidade, coa demanda dunha unidade de ictus no HULA, ou na educación como o ultimo capitulo vivido no colexio Frei Luis de Granada de Sarria por citar algún exemplo”, remarcou.

Galicia na miseria

O alcalde de Castroverde, Jose Maria Arias, que falou en representación dos alcaldes, dixo que “esta é a era dos drons e das antenas, isto é o que Feijóo fixo con Galicia: recortes e recortes e campañas publicitarias cada catro anos. Pídolle que abandone as aldeas modelo e que acabe co minifundio en Galicia. Feijóo ten que ter suxeita a Galicia na miseria, solo lle convén isto, ter a Galicia na miseria”, resumiu.

PARTIDO POPULAR

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asegura que esta foi a lexislatura do rural que a provincia de Lugo foi a máis beneficiada polos apoios que o Goberno galego puxo en marcha para as zonas menos poboadas e dirixidos aos profesionais do sector da agricultura e gandaría.

Así por exemplo o delegado explicou que estes apoios se traducen en diversos ámbitos, como por exemplo no social: "xa están en marcha 16 casas niño no rural lucense, financiadas integramente pola Xunta, así como 4 casas do maior, todas elas gratuítas para as familias usuarias".

“Sábeo ben o alcalde de Castroverde, que antes non dispoñía de ningún recurso para a atención de nenos de 0 a 3 anos, nin tan sequera un punto de atención á infancia municipal, e agora dispón de dúas casas niño que financia integramente a Xunta de Galicia”, dixo.

"Foi tamén a impulso da Xunta que nesta lexislatura acordouse a ampliación do programa de impostos cero que beneficia a 1.251 parroquias rurais luguesas (o 98,4% do total do territorio da provincia), nas que non pagan o imposto autonómico pola venda, adquisición e agrupación de solo rústico e de parcelas agrarias ou forestais. A medida ten como obxectivo favorecer a mobilidade de terras, propiciando a súa transmisión ao sector agrario, e facilitar que as explotacións accedan ao solo agrario con menos custe”-aclarou.

Asegura tamén que o programa de impostos cero mellorouse recentemente coa eliminación do imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados –de competencia autonómica- para adquisición de vivenda habitual dos mozos, familias numerosas e persoas con discapacidade no eido rural.

En relación co plan da Xunta para mellora de camiños de titularidade municipal Balseiro explicou que onde o PSOE ve recortes a Xunta aposta por unha mellor planificación e distribución das axudas destinadas aos municipios do rural galego.

"Así, ao analizar os resultados das convocatorias anteriores do Plan Marco, comprobouse que quedaban case 6 millóns de euros cada ano sen executar pola falta de xustificación dos concellos. Para axustar o orzamento ás necesidades reais, a Xunta decidiu non completar as achegas con fondos propios na convocatoria deste exercicio e derivar ese orzamento a outras liñas que precisaban de máis crédito", explica.

A convocatoria de 2020-2021 faise con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Para garantir unha repartición, as partidas consignadas para cada concello marcáronse en función de criterios consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), organismo presidido polo PSOE.

Balseiro amosouse tamén sorprendido por que os socialistas critiquen o programa autonómico para a mellora da cobertura móbil no rural, "xa que eles mesmos apoiaron a súa posta en marcha desde a Fegamp, que colabora no seu despregamento".

0.17265605926514