Os Ancares achegan a súa riqueza micolóxica a nenos e adultos cunha xornada en Piornedo

LugoXa
A actividade da Deputación de Lugo reuniu a máis dunha decena de participantes e volverá celebrarse o 31 de outubro na Escola de Barcia, en Navia de Suarna
Xornada micolóxica en Piornedo 2026
5 Oct 2026

A Deputación de Lugo continúa achegando a cidadanía á natureza e promovendo o coñecemento do patrimonio natural da provincia a través do seu programa de educación e divulgación ambiental na Reserva da Biosfera Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

Neste marco, máis dunha decena de persoas, entre nenos e adultos de diferentes idades, participaron este domingo nunha xornada micolóxica en Piornedo. A actividade permitiu aos asistentes coñecer de primeira man o mundo dos fungos e descubrir parte da riqueza natural dos Ancares a través dun percorrido polo monte.

A xornada estivo guiada polo micólogo Juan Alonso, da Sociedade Micolóxica Lucus, que acompañou os participantes durante a saída e explicou as características das diferentes especies que foron atopando ao longo do percorrido.

A actividade permitiu observar e identificar os fungos no seu propio hábitat, achegándose á diversidade micolóxica da zona e aprendendo a coñecer e respectar os ecosistemas que forman parte da Reserva da Biosfera.

Esta iniciativa está integrada na programación ambiental do cuarto trimestre da Deputación de Lugo nos Ancares Lucenses, desenvolvida a través da Área de Medio Ambiente, que dirixe o deputado Carlos López.

A programación terá continuidade o 31 de outubro cunha nova xornada micolóxica, que nesta ocasión se desenvolverá na Escola de Barcia, en Navia de Suarna, entre as 10.00 e as 14.00 horas. A actividade contará con 25 prazas para adultos. As persoas interesadas poden inscribirse no teléfono 982 227 813 ou no correo electrónico ancareslucenses@deputacionlugo.org.

A programación ambiental dos Ancares inclúe tamén outras propostas para os próximos meses. O 7 de novembro celebrarase un obradoiro de rescate en montaña destinado a persoal de Protección Civil e corpos de seguridade. A actividade terá lugar no Edificio de Servizos Múltiples de San Román de Cervantes e dividirase nunha parte teórica, de 09.00 a 15.00 horas, e outra práctica, de 16.30 a 22.30 horas, con exercicios de rescate tanto de día como de noite. Haberá 15 prazas para adultos.

Os días 21 e 28 de novembro será a quenda dun obradoiro de cestería na Escola de Barcia, con 12 prazas para adultos. O día 21 desenvolverase de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, mentres que o día 28 terá lugar de 10.00 a 14.00 horas.

Xa no mes de decembro, os días 4 e 11, o Centro Social de Becerreá acollerá un obradoiro de arte floral de Nadal, dirixido a adultos e con 15 prazas dispoñibles.

Por último, entre os días 28 e 30 de decembro, tamén no Centro Social de Becerreá, desenvolveranse actividades de xogos e cantos de Nadal destinadas a nenos e nenas, cun total de 15 prazas dispoñibles.

0.11722898483276