Os Ancares Lucenses consolídanse como destino Starlight cunha xornada de divulgación sobre a eclipse e a observación segura

Navia de Suarna acolle unha iniciativa de Turismo de Galicia centrada na astronomía básica, a divulgación científica e o astroturismo sostible
Xornada-eclipse-en-Navia
14 May 2026

A comarca dos Ancares Lucenses acolleu en Navia de Suarna a xornada “Galicia, porta da entrada da eclipse – DTS Ancares Lucenses”, unha iniciativa organizada pola Axencia de Turismo de Galicia en colaboración coa Reserva dos Ancares Lucenses e Montes de Navia e Becerreá, xestionada pola Deputación, co obxectivo de achegar á veciñanza coñecementos básicos de astronomía e pautas para unha observación segura.

O programa incluíu a charla “Astronomía básica dunha eclipse e observación segura”, impartida por Begoña Estévez e Antonio Pazos, monitores Starlight, ademais dun taller de fotografía da eclipse a cargo de Fernando Rey Daluz, experto en formación audiovisual e divulgación científica certificado pola Fundación Starlight. Tamén se realizou un simulacro da eclipse, no que os participantes puideron practicar técnicas de observación solar e fotografía.

Durante a xornada púxose en valor o feito de que os Ancares Lucenses forman parte dos Destinos Turísticos Starlight de Galicia, recoñecidos pola calidade dos seus ceos e polo seu potencial para o desenvolvemento dun astroturismo sostible. Neste sentido, destacouse a importancia de contar con información científica rigorosa de cara á eclipse do 12 de agosto, así como o papel destas iniciativas na divulgación social da astronomía.

O deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, subliñou que este espazo “é privilexiado para mirar ao ceo” pola baixa contaminación luminosa e a calidade ambiental, sinalando que o distintivo Starlight pon en valor as condicións excepcionais da reserva e aposta por un modelo de turismo sostible vinculado á experiencia. Engadiu ademais que actividades deste tipo demostran que o rural pode ser tamén un espazo para a ciencia, a cultura e o turismo de calidade.

0.09751296043396