Os Ancares preséntanse como laboratorio de revitalización rural nunha visita institucional con Oliver Laxe

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o director de cine e promotor da Asociación SER, Oliver Laxe, acompañaron ao secretario xeral para o Reto Demográfico, Francisco Boya, nunha visita aos Ancares para coñecer distintas iniciativas vinculadas ao desenvolvemento rural e á loita contra a perda de poboación.
O percorrido enmárcase na posta en marcha dun Centro de Innovación Territorial (CIT) na provincia de Lugo, concibido como unha rede de colaboración para dinamizar zonas rurais en declive demográfico. A visita serviu tamén para analizar proxectos xa en marcha e propostas orientadas á sustentabilidade económica, social e cultural da comarca.
Durante a xornada, a presidenta provincial destacou o compromiso da Deputación co futuro da montaña lucense e subliñou que o seu papel vai máis alá do financiamento de proxectos, incidindo na necesidade de participar nos espazos nos que se define o futuro do territorio, como a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses. Tamén puxo o foco na importancia do traballo conxunto cos axentes sociais e co tecido produtivo da zona.
López advertiu da gravidade do reto demográfico nunha comarca que perdeu arredor dun 30 % da súa poboación nos últimos 15 anos, o que, segundo sinalou, obriga a actuar con planificación, coordinación e visión a longo prazo para garantir a viabilidade dos concellos da montaña.
A comitiva iniciou a visita en San Román de Cervantes, no antigo hotel Belón, onde Oliver Laxe presentou un proxecto impulsado pola Asociación SER en colaboración coa Cooperativa A Carqueixa, que prevé transformar o establecemento en desuso nun centro de dinamización rural con actividade produtiva, espazos de encontro, comercio de produto local e aloxamento. O secretario xeral cualificou a iniciativa de “interesante e auténtica” e enmarcouna dentro das liñas de apoio do Goberno a través dos CIT.
Posteriormente visitáronse as pallozas de San Román, un dos elementos máis representativos do patrimonio etnográfico dos Ancares, co obxectivo de poñer en valor a arquitectura tradicional e a memoria do modo de vida na montaña, combinando a súa conservación coa dinamización do territorio.
Na aldea de Vilela, no municipio de Navia de Suarna, coñecéronse novas liñas de actuación previstas para os vindeiros anos, que inclúen proxectos culturais, sociais e de participación comunitaria como cineclube, festival de música, iniciativas educativas, redes de apoio ao tecido asociativo e programas de acollida e fixación de poboación.
Na visita participaron tamén os alcaldes de Navia de Suarna e Cervantes, José Fernández e Benigno Gómez, así como o xerente da Cooperativa A Carqueixa, Román Besteiro. O percorrido incluíu ademais unha parada no dispositivo de protección internacional xestionado por ONG Rescate Internacional en Becerreá.