Os Aturuxeiros de Ourol apadriñarán parte do río Bravos

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
9 Nov 2019

A asociación Aturuxeiros da parroquia de Bravos, en Ourol, fixo a comezos de mes, cando aínda facía algo de bo tempo, a esfollada tradicional do millo, o pasado día 3. Comezaban así as actividades previstas para este inverno, para os meses de novembro e decembro na localidade. Coa esfollada tratan de conservar e dar a coñecer esta actividade xa case en desuso no eido rural. O vindeiro 8 de decembro abrirán o local social á vecindade para xuntarse, pero antes, este domingo, van apadriñar parte do cauce do río.

A esfollada do millo contou co dúo Horizonte na animación da festa.

Ese día tamén deron por comezada a tempada de actividade do local social da parroquia, coa que tentan que polo menos unha vez ou dúas ao mes, os veciños e todos os que queiran podan acompañalos a un lugar de reunión para charlar, botar unha partida, tomar un chocolate ou simplemente verse e estar xuntos unhas horas.

As actividades previstas para este comezo do inverno principalmente comezaron pola apertura do local social, que se fará, en principio, os segundos domingos de cada mes ata maio, dende as 16 horas. Deste xeito, o próximo día de apertura será o domingo 8 de decembro.
Por terceiro ano consecutivo continúan co curso de cestería, dada a boa acollida que ten tido ata o de agora. Dous días ao mes (segundos e cuartos sábados, de 10 a 13.30 horas) van facendo aqueles traballos que lles gustan, dende o mais básico dos protectores de mantel ata as lámpadas, pasando por todo tipo de bandexas, cestas ou costureiros, traballados en médula por cada un dos asistentes.
Os Aturuxeiros programan tamén unha saída ao río, enmarcada no Proxecto Ríos da asociación ecoloxista de Galicia Adega. Van apadriñar un trozo do cauce do Bravos e fan dúas saídas ao ano para comprobar o seu estado, nas que aproveitan para desfrutar da natureza e coñecer fauna e flora da contorna máis cercana. Será o domingo 10, saíndo ás 10 horas dende o local social.
E moi útil para estas datas, será a charla de prevención de incendios e coidado das chemineas nas casas. A asociación considera que despois de todos os accidentes relacionados co lume e a mala conservación nalgún caso das chemineas das casa de aldea, sobre todo, é necesaria e instructiva unha charla dada por persoal cualificado e entrenado neses casos para previr e lembrar os aspectos mais básicos de conservación e actuación en caso de incendio.
E o ano rematará cunha función polo Nadal. Alomenos será unha das últimas actividades do 2019 e vai ser unha representación teatral, prevista para o 22 de decembro, do grupo de teatro do seminario Terra de Viveiro, con entrada libre e gratuíta.
0.17413091659546