Os barcos da Mariña poderán pescar 798.727 kilos de xarda este ano

TerraChaXa | LugoXa
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou de que aumenta a 798.
26 Abr 2020

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou de que aumenta a 798.727 kg a cota de xarda que poderán pescar este ano os barcos da Mariña, tal e como anuncia o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Isabel Rodríguez destacou que son 138.172 kg máis dos 616.230 kg inicialmente previstos os que lle corresponden á flota da Mariña. Tal e como explica o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación este aumento débese á cantidade adicional de cota conseguida por España.

Esta cantidade extra procede, por un lado, da compensación de multa de xarda 2020, da que lle correspondían a Lugo 45.024 kilos, e, por outro, da aplicación da Resolución da Secretaría Xeral de Pesca pola que se reparte a cota adicional obtida por intercambio cos Países Baixos, que establece unha cantidade de 93.148 kilos para a flota de outras artes distintas do arrastre e cerco da provincia de Lugo.

Deste xeito, a cantidade a maiores da inicialmente prevista que lle corresponde este ano á devandita flota da Mariña é de 138.172 kilos, que a Secretaría Xeral de Pesca distribuíu, logo de consultar a Federación de Confrarías de Pescadores de Lugo, reservando 737.104 kg para os barcos que, realizando as súas capturas con liñas de man e/ou cordel, conten con topes de capturas individual.

A Secretaría Xeral de Pesca publica hoxe no Boletín Oficial a resolución na que dá conta do aumento da cota e tamén o listado dos 39 barcos que poden facer pesca dirixida cos topes de captura que teñen asignados cada un deles para a campaña 2020.

0.19502305984497