Os buques pesqueiros galegos poden optar a axudas para fomentar a pesca sustentable

TerraChaXa | LugoXa
A Consellería do Mar publicou esta semana a convocatoria de 2020 de axudas a propietarios de buques pesqueiros galegos para investimentos que fomenten a pesca sustentable, unhas achegas que están cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e ás que a Xunta destina preto de 800.
30 Dec 2019

A Consellería do Mar publicou esta semana a convocatoria de 2020 de axudas a propietarios de buques pesqueiros galegos para investimentos que fomenten a pesca sustentable, unhas achegas que están cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e ás que a Xunta destina preto de 800.000 euros.

Destes apoios poden beneficiarse os propietarios de pesqueiros con porto base en Galicia que realicen investimentos para limitar o impacto da pesca no medio mariño e para protexer as especies. Tamén son subvencionables as actuacións que melloren as condicións de traballo, hixiene e seguridade dos buques e aquelas relacionadas coa eficiencia enerxética e a mitigación do cambio climático. Outros investimentos obxecto de axuda son aqueles que aumenten o valor engadido, a calidade dos produtos e o uso de capturas non desexadas así como os destinados a servizos de asesoramento para fomentar a pesca sustentable.

Estas achegas subvencionan actuacións como a modernización de buques, o subministro e instalación de hélices de manobra ou a reforma das estruturas de abrigo na cuberta así como equipamentos de salvamento e loita contra os lumes, traxes de supervivencia, equipos de navegación ou adaptacións a bordo para mellorar as condicións hixiénicas.

As persoas interesadas en cursar as solicitudes poden consultar os requisitos e a documentación necesaria na orde que publicou esta semana o Diario Oficial de Galicia (DOG) e o prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación.

A esta orde de axudas súmase ademais a convocatoria de 2020 de achegas a tripulantes de buques pesqueiros galegos para investimentos que fomenten a pesca sustentable e que ten como obxectivo impulsar que estes mariñeiros adquiran a súa primeira embarcación e inicien a actividade como armadores.

A orde destas axudas, que tamén publicou esta semana o DOG, conta cun orzamento de algo máis de 200.000 euros. O investimento máximo subvencionable será o do prezo de adquisición do buque e a axuda será o 25% do devandito custo, sen que en ningún caso esta sexa superior a 75.000 euros. Con esta medida a Xunta pretende favorecer o relevo xeracional no sector e a incorporación á actividade como armadores de mariñeiros con experiencia.  Así, poderán beneficiarse destas subvencións os tripulantes de buques pesqueiros con porto base en Galicia que teñan menos de 40 anos no momento de presentar a solicitude.

Son obxecto destas achegas os investimentos para a adquisición dun buque pesqueiro pertencente a un segmento de frota que estea en equilibrio respecto da capacidade pesqueira e os recursos pesqueiros dispoñibles. É dicir, aqueles nos que o número de embarcacións está axustado ás existencias das especies pesqueiras que capturan, polo que non pode haber sobreexplotación, un requisito indispensable imposto pola Unión Europea. Os interesados tamén deben estar dados de alta no réxime dos traballadores do mar e ter traballado polo menos cinco anos como pescadores ou ter a titulación profesional exixida segundo o tipo de embarcación que adquiran.

Ademais, o buque que se compre ten que estar operativo e inscrito no Censo de Frota Pesqueira Operativa e no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia, ter unha eslora total inferior aos 24 metros, ter entre 5 e 30 anos de antigüidade e estar equipado para a pesca mariña. As persoas interesadas en cursar as solicitudes poden consultar os requisitos e a documentación necesaria na orde que publicou esta semana o DOG e o prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación.

0.14640092849731