Os camiños que nos levan ao mar
Na costa lucense, os seus máis de 100 quilómetros convidan a percorrer a silueta dun litoral marcado por auténticos prodixios. Dende Ribadeo ata O Vicedo sucédense dous espazos xeolóxicamente recoñecibles: a rasa Cantábrica, dende Ribadeo a Burela, e un tramo de costa crebada e agreste que debuxa impactantes cantís en municipios como Xove e en determinados puntos do litoral do Vicedo. Nesta contorna sucédense rías e praias, vilas e pobos mariñeiros, bens do patrimonio cultural e sobre todo espazos naturais protexidos que constitúen referentes internacionais para a observación ornitolóxica, como a ría de Ribadeo, a praia das Catedrais, a ría de Foz e a costa da Mariña Occidental.
Unha das mellores formas de achegarse á costa lucense é a través do Camiño Natural do Cantábrico, que a percorre en 6 etapas que organizan os seus máis de 130 quilómetros dende Ribadeo ata O Vicedo e que pode realizarse a pé ou en bicicleta, coincidindo algúns dos seus tramos con vías polas que circula o tráfico rodado. Toda unha aposta segura para coñecer de primeira man a estreita relación entre o ser humano e o mar grazas a un camiño que se superpón a unha antiga ruta de peregrinación a Santiago.
O municipio do Vicedo tamén acondicionou un tramo costeiro para unir nun mesmo percorrido algunhas das súas praias máis emblemáticas e elementos do seu patrimonio cultural como a igrexa de San Estevo.
Pero na Mariña, os cursos fluviais tamén nos convidan a achegarnos á súa contorna a través dos relaxados paseos que nos brindan sendeiros coma o do río Ouro en Foz, a Vía Verde do Eo e a ruta Morgallón-Río Sor no Vicedo. O primeiro é un percorrido lineal de 12 quilómetros ida e volta e baixa dificultade que se inicia na parroquia de Fazouro, moi próxima á desembocadura deste río no mar. A segunda, con inicio na Pontenova, percorre tamén en 12 quilómetros parte do curso do Eo, superpoñéndose ao antigo trazado do ferrocarril que unía os altos fornos da explotación mineira de Villadodrid con Ribadeo. O terceiro adéntrase no interior do Vicedo para coñecer o Sor, un auténtico paraíso ictiolóxico onde tamén atoparemos elementos singulares como unha antiga central eléctrica, unha telecadeira para pescadores e os restos dun muíño.
E cara ao interior, a exuberancia das misturas de masas forestais acapara o protagonismo. O Concello de Trabada acondicionou rutas como da Fraga da Becerreira da e a ruta Monte Roxal-Teixido, dous camiños onde os máxicos bosques de frondosas conviven con outras especies introducidas polo home, bosques de ribeira e campos de cultivo.