Os candidatos do PP Conde e Barreiro sinalan ao partido como “a única alternativa real de cambio”

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa
Os nº1 ao Congreso e ao Senado do PP por Lugo participaron nunha reunión con afiliados dos municipios da comarca
pp-congreso-senado-comarca-de-lugo
5 Nov 2026

O cabeza de lista ao Congreso do Partido Popular por Lugo, Francisco Conde, asegurou que “España necesita un cambio e só o PP ofrece proxecto, equipo e experiencia de goberno” e subliñou que “a única alternativa real de cambio é o Partido Popular” en declaracións aos medios á entrada da reunión con afiliados dos concellos da comarca de Lugo xunto ao nº1 ao Senado, José Manuel Barreiro, e membros da candidatura do PP lucense ás vindeiras eleccións xerais.

Conde explicou que “o PP lucense inicia as reunións comarcais co obxectivo de reforzar o orgullo de pertenza, explicar a alternativa que supón o Partido Popular con proxecto, equipo e un liderado preparado como é Alberto Núñez Feijóo e mobilizar a todos os alcaldes, concelleiros, afiliados e simpatizantes”.

O candidato lembra o orgullo de pertencer ao proxecto político que se atopa á fronte de 36 alcaldías da provincia, que conta con máis de 350 concelleiros e máis de 12.000 afiliados. Ademais, “Lugo foi a provincia española co maior apoio porcentual ao Partido Popular nas últimas xerais do 2023, o 50,35%. E iso obríganos a estar máis na rúa”.

O cabeza de lista ao Congreso reivindicou que “en Lugo non pedimos privilexios: reclamamos igualdade de oportunidades” e incidiu en que “o cambio non chega só” polo que “non é momento de esperar, é momento de sumarse ao cambio”.

BARREIRO: “LUGO NON TEN NADA QUE AGRADECER A SÁNCHEZ”

O candidato nº1 ao Senado por Lugo, José Manuel Barreiro, asegurou que “a situación que vive España esixe un cambio de rumbo”. E engadiu que “a única alternativa real a Sánchez é o Partido Popular”.

Barreiro sinalou que “España vive unha crise institucional sen precedentes. Cada semana hai unha nova polémica política ou xudicial que marca a actividade do Goberno de Sánchez que se dedica a resolver os seus propios problemas -relacionados con casos de corrupción de antigos responsables do Goberno e do PSOE- en lugar de resolver os problemas da xente”. E engadiu que “mentres o Goberno di que a economía vai como un cohete, a realidade é que as familias cada vez teñen máis dificultades para chegar a fin de mes”.

O candidato ao Senado lembrou que “a provincia de Lugo é un claro exemplo do abandono de Sánchez, co consentimento de PSOE e a complicidade do BNG. Lugo non ten nada que agradecerlle ao Goberno de Sánchez: só promesas, pero non feitos”. Nese sentido pregúntase “que compromisos con Lugo están rematados” toda vez que “as estradas nacionais sofren un abandono constante e continuo, a A-54 non está rematada e nada se sabe do resto de autovías, Lugo continúa sen acceso á alta velocidade e perdeu frecuencias ferroviarias, a provincia queda fóra da planificación eléctrica comprometendo o desenvolvemento industrial do noso territorio”.

Ante o deterioro das institucións, o abandono da provincia e a difícil situación económica das familias, estas eleccións son transcendentais para cambiar o rumbo do país da man cun candidato á presidencia do Goberno como é Alberto Núñez Feijóo, con ampla experiencia de xestión, e devolver a España institucións respectadas e un Goberno que se ocupe de gobernar. Non todos somos iguais”, concluíu.

0.1275429725647