Os centros educativos reciben libros arredor de Xela Arias

LugoXa
Durante esta semana están chegando aos centros educativos un lote de libros con diferentes publicacións arredor de Xela Arias.
Xela Arias
12 May 2021

Durante esta semana están chegando aos centros educativos un lote de libros con diferentes publicacións arredor de Xela Arias. En total, 140 colexios e institutos reciben nestes días a partida de libros, coincidindo coa homenaxe a autora polas Letras Galegas.

Aos colexios da provincia remitiuse cadanseu exemplar de Non te amola, unha recompilación de relatos escritos pola escritora sarriá recollendo vivencias da infancia que permaneceron inéditos ata a súa publicación este ano pola Editorial Galaxia, con ilustracións de Luz Beloso; Intempestiva, unha biografía literaria de Xela Arias escrita pola profesora da USC e crítica literaria Montse Pena; e Xela quixo ser ela, un estudo en clave biográfica asinado por Yolanda Castaño que indaga nas orixes do carácter anovador e feminista da súa obra.

No caso dos centros de secundaria, o lote inclúe tamén Poesía reunida (1982-2004). Xela Arias, un volume que recolle a obra poética da autora nese periodo vital, con edición e notas de María Xesús Nogueira.

O obxectivo que se busca é chegar ao público e divulgar a vida e a obra da poeta; ofrecendo ao ensino recursos que consideran de interese para traballar sobre a figura da autora.

Mañá, nova entrega de Outras voces para as letras de Xela

A distribución dos libros aos centros de ensino forma parte das actividades organizadas para homenaxear a Xela Arias no seu ano. Entre elas, a exposición itinerante Xela Arias. A poesía do retrato, que permanecerá nas rúas de Sarria ata o vindeiro 20 de maio, e a serie Outras voces para as letras de Xela, con quince pezas audiovisuais nas que a obra da poeta pasa pola voz, performance e reflexións biográficas de escritores e escritoras, artistas, familiares e persoas anónimas.

Mañá xoves, ás 20.30 horas, difundirase un novo episodio nas redes sociais e na canle de Youtube da Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa intervención do alumnado do Val do Asma de Chantada.

0.19154596328735