Os Cinco Ríos: “Ninguén nos obriga a facer certas cousas pero nós queremos darlle ao Corgo para arriba”

LugoXa
Falamos con Jose Chousa, presidente da Asociación Os Cinco Ríos do Corgo desde o ano 2019
presidente-Os-Cinco-Ríos-O-Corgo
24 Aug 2025

Jessica Fernández

Cando xorde a Asociación Cultural Os Cinco Ríos?

A asociación nace en 2019 e fixemos algún acto, pero coa chegada da pandemia tivemos que suspender case todo. A vontade da formación deste colectivo xorde porque no seu momento eu fun concelleiro no Corgo e, cando o deixei, cría que O Corgo necesitaba algo a nivel cultural, porque desde o Concello non se facía. A xente tiña unha necesidade de que houbera unha asociación municipal, ademais das que hai a nivel parroquial, pero botábase de menos unha que fixera algo para todos, para a veciñanza das 28 parroquias do Corgo.

Que obxectivos ten?

A nosa intención, desde o principio, foi aportar algo á sociedade co fin de restablecer a vida no municipio e nas parroquias. O noso municipio é moi extenso e hai moito despoboamento, porque temos 38 parroquias, pero en cada unha igual quedan 2 ou 3 casas con xente e están sos e desanimados, polo que decidimos intentar facer cousas para dinamizar a vida municipal. Agora, temos arredor de 600 socios que pagan unha cota, por casa, de 10 euros ao ano, co cal non pedimos moito, só que se involucren máis para facer cousas.

Que actividades levan a cabo?

Nós comezamos a facer actividades culturais e deportivas, recuperamos a fogata de San Xoán, organizamos un campionato de tute, organizamos mercados mensuais para traer postos de artesanía e gastronomía ao Corgo, organizamos o mercado de Nadal, fixemos excursións, unha cea da asociación, e organizamos a Mostra de Maquinaria e Mercado de Oficios. O mercado mensual é un éxito total porque temos 35 postos de artesáns e postos, pero tiña que vir máis xente para que estes artesáns estean máis contentos. E tamén fixemos algún escrito para pedirlle ao Concello do Corgo necesidades da veciñanza, e igual deberamos facer algún máis.

Por que é importante este labor para O Corgo?

É importante para O Corgo porque dinamizamos a actividade cultural do municipio. Ademais, as nosas actividades son un éxito, a xente desfruta moito. Por exemplo, a Mostra de Maquinaria e Mercado de Oficios atrae moitísima xente do Corgo e tamén dos concellos do redor, como xente de Láncara, do Páramo, de Lugo, de Castro de Rei, de Guntín, ou de Baralla, que tamén contamos con esas persoas para que se inclúan na asociación.

Contan con axudas institucionais?

Si, contamos con axudas do Concello, da Deputación e da Xunta. No caso do Concello do Corgo, ao principio non tanto, pero agora sempre que pedimos algo, colaboran con nós e cédennos espazos para facer algunha actividade, aínda que cremos que podían facer máis, xa que as actividades que organizamos como asociación cultural debería propoñelas o Concello ou que o concelleiro de Cultura estivera con nós organizando as actividades.

Cales son as necesidades?

Nós necesitamos implicación por parte da veciñanza e das institucións e logo tamén cartos para poder desenvolver as nosas actividades. Agora mesmo somos 7 na directiva, pero chegamos a ser 15 e cando nos constituímos había un coordinador en cada parroquia para así poder atender a todas as necesidades da veciñanza, pero era un proxecto grande, era difícil xuntarse, e a xente foise desvinculando. E con respecto aos cartos, nós non lle pedimos axudas ás institucións para nós, é para a xente, xa que a nosa asociación é municipal e fai unha actividade moi importante, polo que debería estar subvencionada e apoiada pola administración pública, porque ao final facemos un labor que deberían facer elas. Tamén se necesita diñeiro para mercar cousas que necesitamos, como mesas, cadeiras... unha asociación como a nosa, ademais, necesitaría un local social para levar a cabo todas as nosas actividades. E tamén nos gustaría poder contar con suficiente xente como para poder ir ás parroquias e xuntar á xente maior que vive nelas nas antigas escolas e facer alí actividades. Ninguén nos obriga a facer certas cousas pero nós queremos darlle ao Corgo para arriba, e incluso estamos dispostos a deixarlle a xente a nosa asociación para que faga as súas festas, actividades, etc.

Como ve a asociación no futuro?

Dentro da directiva houbo moitos cambios. Hai xente que comezou comigo e dos que realmente comezamos quedamos dous, eu funme quedando e nestes momentos non hai xente como para seguir traballando nas mesmas actividades, é dicir, non hai xente con ganas de perder o seu tempo nesta asociación. Eu creo que fixemos todo o que tiñamos que facer nestes anos, levando ao Corgo cousas que necesitaba e das que necesitaba e non chegamos foi por falta de diñeiro. Nós demostramos que facemos cousas e necesitamos esa axuda, pero non é complicado. Eu este ano quero marchar da directiva, pero antes quería conseguir traer a Orquestra Os Satélites ao Corgo, que é unha demanda da veciñanza de hai moito tempo, pero a ver se conseguimos esa meta. Logo, teremos unha asemblea xeral na que se presentarán as persoas que queiran para constituír a nova directiva. Oxalá que haxa alguén que colla o remo, e, se non, a asociación seguirá cunha pausa ata que chegue alguén que retome o traballo feito.

⚙ Configurar cookies
0.16044807434082