Os clubs de Lugo poderán usar o campo de Fútbol 8 do Colexio Diocesano San Lorenzo

LugoXa
O Concello de Lugo, a través da Concellería de Deportes, chegou a un acordo co Colexio Diocesano San Lorenzo para dispoñer do seu campo
campo-futbol-colexio-diocesano
25 Out 2024

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Deportes, chegou a un acordo co Colexio Diocesano San Lorenzo para dispoñer do seu campo de Fútbol 8, facilitando o uso destas instalacións por parte dos clubs deportivos da cidade entre outubro de 2024 e xuño de 2025, coa posibilidade de estender esta colaboración a vindeiras tempadas. Este convenio forma parte da estratexia do Concello para reforzar os recursos dispoñibles e apoiar o crecemento continuo do tecido deportivo local, especialmente no ámbito do fútbol.

"Estas colaboracións permiten reforzar a aposta do Concello polo crecemento dos nosos clubs deportivos, incorporando máis recursos para atender as súas necesidades formativas e competitivas", destacou o concelleiro de Deportes, Jorge Bustos. O convenio inclúe o uso do campo, vestiarios e iluminación, sumando un total de 359 horas dispoñibles para os clubs da cidade, que poderán desenvolver tanto as súas actividades formativas como as competicións programadas. Esta nova colaboración enmárcase dentro dunha serie de medidas que buscan potenciar o deporte local, non só a través de acordos con entidades privadas, como o convenio alcanzado con Somos Fútbol, senón tamén coa optimización de instalacións municipais xa existentes, como o campo de Sanfiz no que se está efectuando unha mellora paulatina.

O acordo con Somos Fútbol permitirá aos clubs da cidade utilizar as súas instalacións cubertas en Conturiz os sábados pola mañá, entre outubro e xuño, sen custo para as entidades deportivas, xa que o Concello asume o alugueiro. No caso de San Fiz as melloras xa efectuadas incluíron a instalación de catro torres de iluminación que permiten ampliar o horario de uso, a adecuación do terreo de xogo, a modernización dos vestiarios e zonas de almacenamento de material, así como a colocación de baños químicos e un peche perimetral reforzado para garantir a seguridade. Estas actuacións permitirán que os clubs de fútbol tanto de base como federados poidan contar cunha nova dotación para desenvolver tanto os adestramentos como os compromisos competitivos.

"O crecemento dos nosos clubs é unha prioridade para nós, e estamos a traballar para que dispoñan das mellores instalacións e recursos, tanto a través de colaboracións públicas como privadas", subliñou Bustos. "San Fiz é un exemplo da optimización das nosas instalacións, que permiten mellorar a oferta deportiva na cidade", subliñou. Con esta visión, o Concello de Lugo reafirma o seu compromiso de seguir traballando na mellora das infraestruturas deportivas e na incorporación de novos recursos para que os clubs deportivos poidan continuar crecendo e desenvolvéndose en óptimas condicións, tanto na súa faceta formativa como nas competicións que albergan.

0.15604209899902