Os colectores de lixo do centro comezan a súa renovación

LugoXa
Comeza o cambio dos buzóns das illas de colectores soterrados do Centro Histórico, que se renovarán na súa totalidade.
30 dic 2022

Comeza o cambio dos buzóns das illas de colectores soterrados do Centro Histórico, que se renovarán na súa totalidade. Os novos buzóns son máis fáciles de utilizar por parte dos usuarios e mellora a estética das rúas, cunha imaxe máis apropiada á zona intramurallas. Ademais, esta actuación completa os traballos de arranxo do mecanismo da estrutura que se realizaron xa en todas elas.

Dende o Concello lanzan tamén unha campaña para incentivar a recollida de aceite vexetal nas vivendas de Lugo como paso previo a que se inicie, a principios de xaneiro, a instalación por parte da concesionaria do servizo de recollida de lixo, EcoLugo, de medio centenar de colectores de aceite, que serán claramente identificables, en distintos puntos do municipio, abarcando todos os barrios. Comezarase a súa colocación tras as festas de Nadal, e non se descarta instalar máis se é necesario.

A través desta campaña, a concellería de Medio Ambiente repartirá entre a cidadanía máis de 5.600 embudes que facilitará a reciclaxe posterior de aceite doméstico e explicarase como se debe de utilizar. Así mesmo, informarase das vantaxes e beneficios para o medio ambiente, e incluso para as arcas municipais, de desfacerse de maneira segura e ecolóxica desta sustancia.

Neste senso, a rexedora lembrou que unha familia de catro membros é capaz de xerar ata 250 litros de aceite usado ao ano, e que un litro de aceite botado polo fregadero contamina ata 1.000 litros de auga, “o equivalente ao que bebería unha persoa nun ano e 3 meses”, pero, ademais, supón atascos e malos cheiros nas tubaxes de saneamento, dificultando tamén o funcionamento das depuradores.

As accións de concienciación, que se financian con fondos europeos acadados nunha convocatoria aberta pola Xunta, se contemplan, ademais, charlas informativas a colectivos e asociacións da cidade.