Os distribuidores alertan do aumento de custos e os repartidores critican o horario polas obras do centro de Lugo

LugoXa
Lugo Monumental mantivo varias reunións, tanto con AdisLugo como con traballadores de paquetería e repartición de gasóleo
obras_centro_lugo
obras_centro_lugo
6 Xuño 2024

Lugo Monumental mantivo varias reunións, tanto con AdisLugo como con traballadores de paquetería e repartición de gasóleo, en que todos explicaron a problemática á que se enfronta a distribución no centro histórico. AdisLugo pediu o apoio dos empresarios do centro histórico nas protestas que teñen pensado levar a cabo en próximos días.

A distribución enfróntase a cambios impostos polo Concello, “sen diálogo nin negociación previa, en que se limita o peso dos vehículos utilizados a un máximo de 5.500 kg en todo o centro histórico, que se reducen a 3.500 kg nas zonas recentemente que acaban de ser pavimentadas, prevendo estender ese límite a todo o centro”, aseguran. Lamentan que “tendo en conta que un palé de botellas pesa ao redor dos 1.000 ou 1.100 kg, e o propio peso do vehículo, estaríase a obrigar aos transportistas para cargar unicamente un máximo de dous palés por viaxe”.

Segundo trasladou Eloy García, presidente da Asociación AdisLugo, iso supón un dramático aumento de custos na distribución, cuxos marxes son xa moi axustados, xa que se obriga a utilizar varios vehículos de tamaño máis reducido para facer o labor que ata o de agora facía un único vehículo de máis tonelaxe. Ademais, expoñen que hai vehículos que son dificilmente substituíbles por outros máis pequenos, “como os que enchen os tanques de cervexa e cuxo peso supera amplamente as 15 toneladas”.

Desde Lugo Monumental chámase a atención á contradición que supón aumentar o número de vehículos nunhas tarefas de peonalización. Calculan que actualmente acceden á zona unha media de 18 camións de gran tamaño por semana, que se multiplicarían por tres ou catro se se obriga a reducir a súa carga, o que tamén implica maior tráfico, algo chocante nun plan que persegue a redución de emisións.

Alertan do aumento do tráfico

Tras unha votación dos asociados de Lugo Monumental, decidiuse por unanimidade apoiar a AdisLugo nas súas protestas. Un vehículo que serve gasóleo para calefaccións de comunidades de propietarios adoita ter un peso aproximado duns 10.000 quilos. “Eliminar o uso destes camións crearía de novo unha situación paradoxal debido a que se aumentaría o tráfico na zona e, polo tanto, as emisións”, aseguran dende Lugo Monumental.

Ademais, hai que ter en conta que a distribución de gasóleo ten aínda un horario máis reducido para exercer o seu labor, “xa que só se lles permite acceder ao centro histórico de 7.30 a 8.30 da mañá, polo que non é operativo que fagan varias viaxes para facer unha carga dun depósito de gran capacidade”. A asociación tamén mantivo unha reunión co sector da paquetería, que expuxo os seus propios problemas: o entorpecemento do seu traballo, poñendo en perigo a viabilidade do seu traballo no centro histórico. Por unha banda, denuncian que o sector de paquetería viu reducidas as zonas de carga e descarga que tiña habilitadas polo centro histórico.

“Desapareceron os puntos en que podían parar e repartir paquetería e que estaban en Santo Domingo, Praza do Ferrol, Quiroga Ballesteros (xunto ao colexio) ou Montevideo”. Tal e como expuxeron os traballadores, eles deseñan a ruta do día pola mañá á primeira hora (ao redor das 6) cando reciben os paquetes para distribuír. Para que un autónomo deste sector poida ter unha actividade rendible debe entregar ao redor de 150 paquetes diarios, dados as reducidas marxes, e calquera alteración imprevista suponlles unha alteración que lles pode facer perder as entregas do día.

O sector da paquetería, crítico co horario

Doutra banda, o horario establecido para a paquetería é o mesmo que o do resto da distribución. O horario, que comeza ás 7 da mañá, “non é viable para este tipo de reparticións, xa que non poden ir a domicilios particulares a esas horas e a inmensa maioría dos establecementos, tanto comerciais como de calquera outro sector, están pechados a tan temperá hora”. Na práctica a repartición iníciase  ao redor das 8.30 ou 9 da mañá.

Dende Lugo Monumental aseguran que os traballadores están a ver imposibilitada o seu labor, e senten moi presionados polas limitacións municipais e esperan que a queixa de todos os transportistas provoque unha reflexión por parte do Goberno Municipal. Eles expoñen que o centro histórico “non pode sobrevivir sen unha repartición eficiente e competitiva, xa que non poden asumir ue os custos de distribución no recinto amurallado sexan moi superiores aos doutras zonas, o que se repercutirá aos comerciantes do centro”. Como consecuencia, sinalan o peche da repartición de paquetería no centro e a redución de puntos de recollida.

Deste xeito, Lugo Monumental rexistrará un escrito ao Concello no que solicitará participar neste debate como actor interesado, propoñendo abrir un proceso de diálogo con todos os axentes implicados, pedindo que se facilite o borrador da futura Ordenanza de Baixas Emisións e, mentres non se resolva a longo prazo o problema, suspender ou matizar as limitacións decretadas e establecer itinerarios provisionais para os vehículos de maior peso para que poidan facer o seu traballo. Tamén piden que se revisen os proxectos que se están executando para instalar pavimentos que resistan o paso de vehículos de alta capacidade e establecer de inmediato zonas de carga e descarga para a paquetería e revisar os seus horarios de acceso.

0.1893150806427