'Os edro de jarana na sabana' gaña o concurso de disfraces na categoría comparsas do Entroido de Lugo

LugoXa
A creatividade e a participación marcaron unha xornada multitudinaria na que se repartiron premios en metálico nas categorías individual, parellas e comparsas
concurso-de-disfraces-Entroido-de-Lugo-2026
18 Feb 2026

O concurso de disfraces de adultos do Entroido de Lugo, organizado pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, converteuse nun espectáculo seguido por numerosas veciñas e veciños, que arrouparon ás e aos participantes mentres exhibían propostas cheas de imaxinación e coidado nos detalles.

O xurado estivo integrado por José Manuel Núñez Blázquez, artista multidisciplinar e director de Ágora Cultural; Fernando Rodríguez Fernández, participante habitual en distintas edicións do certame; e Raquel de Ana Rodríguez, profesora en representación da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, e, mentres deliberaba, o público gozou da actuación de Carta de Ajuste.

Na categoría individual, na que participaron 13 persoas, o primeiro premio, dotado con 500 euros, foi para 'Reciclator'. O segundo galardón, de 300 euros, recaeu en 'Fábrica de Chocolate', mentres que o terceiro, de 200 euros, foi para 'O capitán pateiro librouse do caldeiro'. Ademais, concedéronse tres accésits de 50 euros cada un para 'Torre Eiffel', 'Salta Pequeño Canguro' e 'Busco a otro mundo'.

O apartado de parellas contou con 12 inscricións. O primeiro premio, de 600 euros, foi para 'Vento en Popa a toda Vela'; o segundo, de 400 euros, para 'África con aromas de café'; e o terceiro, de 300 euros, para 'Colorín colorado, Tiana e o sapo cos ovos acabaron'. Tamén se entregaron cinco accésits de 100 euros a 'Los Guardianes del Bosque', 'Vivir como Dios manda', 'Fregonas Rabudas', 'Do Lixo ao Luxo' e 'O Ourizo do Souto Sagrado'.

O desfile culminou co paso das comparsas, nunha categoría que reuniu ducias de adultos e nenos e nenas e que destacou pola espectacularidade dos traxes e as dinámicas coreográficas. O primeiro premio, de 1.100 euros, foi para 'Os edro de jarana na sabana'; o segundo, de 800 euros, para 'Cuerda para rato'; e o terceiro, de 600 euros, para 'Funko Fest'. Os accésits, dotados con 200 euros cada un, recaeron en 'Oficios Antigos', 'Mario Party', 'Retratando Vidas', 'Ata o infinito e máis alá' e 'De que vamos'.

⚙ Configurar cookies
0.079798936843872