Os gandeiros concentrados en Lugo reuníronse con Carmela López e María José Gómez

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Neste momento son xa máis de 150 os tractores que ocupan un dos dous carrís da Ronda da Muralla e esta noite teñen previsto acender os farois
concentracion-xunta-gandeiros
15 Jan 2026

Este xoves representantes das organizacións convocantes das protestas en Lugo contra o tratado entre a UE e Mercosur, as asociacións Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema, reuníronse coa nova presidenta da Deputación de Lugo, a socialista Carmela López, ás 11 da mañá, e coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez, á 1 da tarde, para pedirlles que abandonen o "cinismo cómplice", "dándonos a razón aquí e vendéndonos en Bruxelas", din.

"Os mesmos partidos que nos din en Lugo que nos apoian son os que puxeron a Úrsula Von der Leyen, os que se reparten os postos na Comisión Europea e os que queren asinar o vindeiro sábado o acordo con Mercosur en Paraguai", denuncian Noelia Rodríguez, presidenta de Agromuralla, e Santiago Rego, presidente de Gandeiros Galegos da Suprema.

"Se de verdade lles preocupa o rural galego e queren parar a importación de produtos baratos e de inferior calidade teñen que rexeitar frontalmente este acordo", reiteran.

Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema esixen aos eurodiputados galegos do PP e do PSOE que voten en contra do tratado con Mercosur no Parlamento Europeo.

"Hai catro eurodiputados galegos no Parlamento europeo: Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez polo PP, Nicolás González Casares polo PSOE e Ana Miranda polo BNG. O tratado comercial con Mercosur ten que ser ratificado ou rexeitado no Parlamento europeo. Esiximos aos eurodiputados galegos que voten en contra", piden.

Á nova presidenta da Deputación de Lugo, a socialista Carmela López, pedíranlle tamén que fale co Ministro de Agricultura, Luis Planas, e co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, membros do seu mesmo partido, para que se opoñan ao acordo, en defensa dos intereses dos agricultores e gandeiros españois, igual que fixeron os dirixentes de países como Francia, Austria, Polonia e Hungría.

Os representantes das asociacións de produtores de leite e de carne aseguran que o acordo entre a UE e os países do Mercosur facilitará a entrada de produtos de inferior calidade e que non cumpren coas esixencias sanitarias, medioambientais e de benestar animal que teñen que cumprir os produtores europeos, sen que os controis en orixe e en fronteira vaian ser efectivos.

"Unha vez máis, tratan de enganarnos. Os países do Mercosur non recoñecen as garantías de salvagarda anunciadas polos políticos de Bruxelas coas que pretenden acalar as protestas que se están a suceder por toda Europa. As cláusulas espello son un cuento chino, porque se non se aplican aos produtos que veñen de Marrocos,m por que teriamos que pensar que a UE as vai aplicar aos que van vir de Suramérica?", argumentan.

As protestas recrudécense

Nos últimos días, Lugo converteuse xa nun dos epicentros da protesta galega contra o tratado comercial entre a UE e Mercosur. Desde o pasado luns, cando agricultores e gandeiros se manifestaron diante da Xunta de Galicia e da Subdelegación do Goberno, os tractores permanecen na cidade, non deixando de chegar nos últimos días máis tractores desde distintos puntos da provincia para rodear por completo a Muralla.

Neste momento son xa máis de 150 os tractores que ocupan un dos dous carrís da Ronda da Muralla. Este xoves ás 10 da noite encenderán os sus motores e porán a funcionar os seus farois para deixarse ver e oír por parte da cidadanía, "que vai sufrir as consecuencias directas deste acordo con Mercosur con comida de peor calidade no seu plato", denuncian.

A protesta ten carácter indefinido e os produtores anuncian un incremento das accións a medida que se achega o sábado, a data prevista para a sinatura formal do acordo en Asunción (Paraguai) entre as autoridades comunitarias e as de Brasil, Arxentina, Uruguai, Paraguai e Bolivia.

⚙ Configurar cookies
0.080077886581421