Os gandeiros e agricultores cobrarán antes as axudas das PAC
Galicia estará entre as primeiras comunidades autónomas que pagarán anticipos das axudas da Política Agraria Común (PAC) correspondentes á campaña 2019-2020. Así o decidiu a Consellería do Medio Rural a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), ente pagador destas axudas europeas que son tan importantes para os agricultores e gandeiros galegos.
Por primeira vez neste período de programación da PAC, o Fogga realizará o pago de anticipos por un importe superior aos 36,6 millóns de euros, tras a realización de todas as comprobacións administrativas e dos controis obrigatorios sobre o terreo. Así, a Consellería efectuará o pago do 70% da axuda total, o máximo establecido pola Comisión Europea, un mes antes que na pasada convocatoria.
En concreto, as liñas de axuda que se aboarán son as de vacas nutrices, con case 10,5 millóns de euros que beneficiará a máis de 9.000 agricultores e gandeiros, e de vacún de leite, con 26,1 millóns de euros e máis de 7.000 beneficiarios.
Este importe transferirase de forma efectiva aos gandeiros a partir da semana que vén, sendo a data de inicio do exercicio financeiro 2020 o vindeiro mércores 16 de outubro. Neste senso, trátase dunha medida adoptada pola Consellería do Medio Rural que permitirá dar liquidez ás explotacións gandeiras galegas.
Ademais, a primeiros do mes de decembro prevese realizar un novo pago de 105 millóns de euros, de forma que no ano 2019 en Galicia se alcance o obxectivo de importes superiores a 140 millóns, beneficiando así a un total de 26.000 solicitantes.