Os lucenses volverán a saír á rúa en contra da planta de Coeses

LugoXa
A Plataforma Lugo non quere cheiros, formada pola Federación de Veciños e representantes de varias parroquias, convoca unha manifestación
manifestación_coeses
25 sep 2024

A Plataforma Lugo...Non Quere Cheiros!!, formada pola Federación de Veciños “Lucus Augusti” e representantes de varias parroquias, fai un chamamento á cidadanía para participar nunha manifestación este venres 27 de setembro ás 20.30 horas. A mobilización, que partirá da Praza Horta do Seminario, ten como obxectivo expresar o rexeitamento á instalación dunha planta de biogás e biometano na parroquia de Coeses.

Este xoves 26 de setembro, a plataforma manterá unha reunión co presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé Roca, para solicitar o seu apoio. Nas últimas semanas, o colectivo recolleu sinaturas polas rúas da cidade e difundiu a convocatoria mediante un vehículo con megafonía, así como a distribución de 600 carteis, 5000 dípticos e 4000 programas. O percorrido da manifestación pasará por puntos clave como a Praza Maior, o Concello de Lugo e rematará diante da Delegación Provincial da Xunta de Galicia na Rolda da Muralla.

Ao final do acto, os portavoces, Manuel Abuín e Francisco Javier Otero, lerán un manifesto en contra da planta de biogás. Os manifestantes serán recibidos coa canción "Xuntos” de Juan Pardo ao inicio da marcha, e ao rematar, soará “Resistiré” do Dúo Dinámico. A Plataforma anima a todos os lucenses a participar nesta manifestación e a mostrar o seu apoio contra a instalación da planta.

0.096626043319702