Os lucenses xa poden cursar online procedementos co Concello

LugoXa
O Concello de Lugo habilita os anexos telemáticos para comunicar a lectura da auga ou solicitar un certificado de empadroamento
Oficinas Concello Lugo
Oficinas Concello Lugo
19 Maio 2022

A veciñanza de Lugo xa pode cursar telemáticamente varios procedementos directamente coa área municipal da que dependen. Un sistema que, segundo explicou hoxe a rexedora, Lara Méndez, “incrementará a fluidez das relacións entre Administración e administrados, gañando en comodidade e axilizando os tempos de resolución”.

Entre outros, o Executivo local facilitará a dación en conta, por parte do seu titular, das lecturas do contador da auga, habilitando un mecanismo moito máis sinxelo e eficaz para notificar os consumos o que, segundo a rexedora “axudará a diminuír o número de estimacións que é necesario realizar en cada padrón e que, dende hai 5 trimestres, se constrinxen única e exclusivamente ás ausencias que o persoal municipal detecta cando visita os domicilios e esta circunstancia lles impide acceder á parte da vivenda na que está aloxado o dispositivo para realizar a comprobación real”.

“O feito de poder trasladar a información de forma directa ao servizo de Augas, cubrindo os datos correspondentes en tempo e forma para que este departamento tramite o recibo servirá, alén de para facer unha lectura máis axustada, para racionalizar a xestión burocrática, xa que evitamos intermediarios. O único requirimento esixido é que sexa o titular da prestación quen o faga e que este se identifique ao inicio da sesión”, abondou Méndez.

De xeito similar, a veciñanza que precise dun certificado de empadroamento poderá solicitalo a través da Plataforma dixital. Unha petición que chegará ao Padrón, dende onde se emitirá o documento correspondente que lle será notificado á persoa interesada no mesmo expediente.

Xunto a estes dous procedementos, os lucenses, poderán tramitar tamén un duplicado dos recibos municipais, así como o xustificante que acredite que están pagos. Sen ben, nestes dous casos, as súas solicitudes serán remitidas ás áreas correspondentes para a posterior emisión dos mesmos.

A habilitación telemática destes procedementos posibilita, segundo Lara Méndez, sintetizar varios pasos nun en todos os supostos, “xa que non será preciso ter que solicitar cita previa, nin acceder aos respectivos servizos senón que a súa tramitación será inmediata. O que dito doutro xeito, permite unha simplificación de cada un deles, xa dende o inicio do seu percorrido, rebaixando os tempos de resposta e as asistencias presenciais ás dependencias municipais”, afirmou.

A alcaldesa incidiu en que dende o Goberno local se traballa na implementación de diferentes medidas, “como xa fixemos na área económica para diminuír os tempos da facturación - hoxe moi por debaixo do período medio de pagamento establecido – ou de tramitación de licenzas en Urbanismo, para multiplicar a eficacia do Concello o que pasa igualmente por modernizar os protocolos internos e fornecernos das ferramentas necesarias de tramitación online”.

0.19137501716614